A área de Muller inicia unha campaña de sensibilización con motivo do Día Mundial da prevención do embarazo non planificado en adolescentes

Componse de varias publicacións en redes sobre a importancia do consentimento nas relacións, métodos anticonceptivos ou a importancia de poder elixir.

 
Luns, 26 de setembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A área de Muller inicia unha campaña de sensibilización con motivo do Día Mundial da prevención do embarazo non planificado en adolescentes

O Goberno de Lara Méndez, a través da Concellería de Muller e Igualdade que lidera Silvia Alonso, conmemora o Día Mundial da Prevención do Embarazo Non Planificado en Adolescentes, que se celebra cada 26 de setembro dende 2003, coa finalidade de educar á mocidade sobre os diferentes métodos anticonceptivos eficaces e a súa importancia.

En España, entre 2011 e 2019, o número de embarazos en menores de 19 descendeu de xeito progresivo, segundo estudios do Instituto das Mulleres, aínda que a realidade actual é que a xestación adolescente non desexada continúa sucedéndose.

“Non se trata só de reducir os casos, senón tamén de mellorar a saúde das mulleres máis novas”, asegurou Silvia Alonso, quen fixo fincapé na importancia da educación sexual, imprescindible para previr embarazos non desexados na mocidade, pero tamén para que as mulleres adolescentes coñezan os seus dereitos sexuais e reproductivos e para pór de manifesto a importancia de construír relacións baseadas no consentimento.

Ademais, Muller e Igualdade tamén visibilizará o Día de Acción Global polo acceso ao aborto legal, seguro e gratuíto; unha data que se conmemora o 28 de setembro e que ten orixe no V Encontro Feminista Lationamericano e do Caribe, celebrado en Arxentina en 1990 e que busca concienciar na necesidade de ter este dereito e en contra da perigosidade do aborto inseguro e clandestino.

En España, dende o ano 2010, a muller pode decidir someterse a un aborto de maneira libre e legal pero hoxe en día hai seis países no mundo no que o aborto é ilegal en todas as circunstancias.

Con este propósito, a Concellería de Muller e Igualdade realizará ata finais de mes unha campaña de sensibilización nas súas redes sociais (Facebook e Instagram: @mullereigualdadelugo). Componse de diversos post que afondan na celebración de ambas as dúas datas, así como publicacións sobre a importancia do consentimento nas relacións, datos clave sobre o aborto, métodos anticonceptivos ou sobre a importancia de poder elixir.

Esta é a segunda e a terceira data significativa dentro do calendario feminista que a Concellería prevé celebrar dende setembro ata finais de ano, tras conmemorar o Día Contra a Explotación Sexual e a Trata de Persoas. Inclúe tamén actividades ao redor do Día da Muller Rural, Día das Menopausa ou Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a muller, entre outras.

Noticias relacionadas