Esta mañá as edís de Benestar e Muller mantiveron un encontro para sentar as bases, en materia de organización e seguridade, das actividades de entretemento infantil que o Concello ofertará este verán

As edís da área de Cohesión Social, Ana González Abelleira e Olga López Racamonde, mantiñan esta mañá un encontro para abordar os mecanismos de conciliación que o Concello de Lugo porá en marcha este verán para axudar ás familias lucenses a compatibilizar a xornada laboral co coidado e atención das súas crianzas.
Sen embargo, ámbalas dúas concelleiras coincidiron na necesidade de que a Xunta de Galicia traslade cales son os protocolos e as liñas de actuación específicas que establecerá, ao respecto, o executivo autonómico para que a institución local poida avanzar na preparación das instalacións e dun programa de ocio axeitado adecuándose ás novas esixencias que impón a actual crise sanitaria.
“Nestes momentos, o feito de que o goberno galego aínda non se pronunciara está a provocar non só unha incertidume total a cerca dos recursos que poderemos poñer a disposición da cidadanía senón que tamén está a cercenar a capacidade de manobra que temos para deseñar as medidas máis oportunas que conxuguen a demanda social existente cos requirimentos de protección individual dos usuarios fronte ao coronavirus”, indicou Olga López.
Así, as responsables de Cohesión Social sinalan a necesidade de coñecer toda esta información o antes posible co fin de artellar, canto antes, actividades para as e os máis pequenos da casa non só mentres dure o Estado de Alarma senón de cara a todo o verán.
“Falamos de que, a medida que se avanza nas distintas fases da desescalada, as e os lucenses terán que incorporarse fisicamente aos seus postos de traballo, nun momento no que os centros escolares están pechados e pouco ou nada se sabe da viabilidade que terán, neste 2020, outras iniciativas como os campamentos e ludotecas que paliaban a falta de ocupación dos nenos e nenas durante as vacacións lectivas”, indicou Ana González Abelleira. “Unha función que nós queremos e podemos exercer pero para a que é preciso que se nos acheguen as instrucións oportunas”.
Así, Ana González e Olga López lembraron que, entre outras iniciativas, o Concello ofrece nos distintos centros cívicos municipais durante a etapa estival a posibilidade de inscribir á rapazada nas Aulas Abertas o no programa Aprende Xogando que, “de ser posible, queremos retomar tamén este verán”, afirmaron.
Audio
- A edil Ana González Abelleira, sobre a conciliación familiar | Descargar mp3
- A edil Olga López Racamonde, sobre a conciliación familiar | Descargar mp3