A área de Cohesión Social fomenta a cooperación cidadá pola igualdade e a inclusión coa convocatoria de 100.000 € en axudas

A Xunta de Goberno Local desta semana aprobará as bases das subvencións dirixidas ás entidades que traballan no eido do Benestar, a Xuventude e para o desprazamento de persoas con mobilidade reducida

Na sesión adxudicaranse, tamén, as obras, por importe de 60.500 €, para mellorar as instalacións do Centro Uxío Novoneyra e concentrar na segunda planta o labor dos Servizos Sociais adscritos

Martes, 10 de novembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A área de Cohesión Social fomenta a cooperación cidadá pola igualdade e a inclusión coa convocatoria de 100.000 € en axudas

A concellería de Cohesión Social, na que se atopan as áreas de Benestar, Muller e Xuventude destinará preto de 100.000 euros a subvencións municipais co fin de impulsar a cooperación e a participación cidadá en prol da igualdade, a inclusión e a integración da veciñanza.

Así, na Xunta de Goberno Local que se celebrará mañá, se validarán as bases para, por unha banda, outorgar un total de 38.000 euros ás entidades locais que desenvolven a súa actividade no eido dos Servizos Sociais.

“Os criterios de valoración terán en conta o interese xeral dos programas que se desenvolven, na medida da súa incidencia real, pero tamén o seu carácter continuo ou permanente, a traxectoria de coordinación e colaboración que as asociacións manteñen co Concello de Lugo ou que as actuacións se dirixan a colectivos en especial situación de desvantaxe, con dificultades de inserción ou que se executen en zonas, como os núcleos do rural, nos que se vén detectando unha menor participación”, explicou a edil Olga López Racamonde.

De igual xeito, dende a Casa da Muller, que dirixe Ana González Abelleira, se habilitarán 32.100 euros para que as organizacións sen ánimo de lucro fomenten a igualdade de xénero, o deporte feminino e promovan a orientación, asesoramento ou formación sobre diversidade sexual e dereitos humanos en materia de LGTBI+.

Alén, dende Xuventude, foron consignados 10.000 euros máis para favorecer a realización de actividades de interese xeral e sectorial que abonden na recuperación e recreación histórica da cidade así como na súa difusión. Trátase de achegas destinadas á mocidade para as que tamén puntuará positivamente que as mulleres estean incorporadas ás estruturas directivas destas agrupacións.

Por último, concederanse outros 19.000 euros en axudas ao transporte de persoas con mobilidade reducida dos que 14.000 € son para o mantemento do taxi adaptado e 5.000 € a título individual para sufragar os desprazamentos nestes vehículos.

As e os interesados nestas cinco convocatorias disporán de 15 días hábiles para solicitalas dende a súa publicación tanto no Boletín Oficial da Provincia como na páxina web do Concello e poderán xustificar as mesmas até o 15 de xaneiro de 2021.

Adxudícase a reforma do Centro Uxío Novoneyra por 60.500 euros

Noutra orde asuntos, aínda que tamén dentro da área de Benestar, a Xunta de Goberno deste mércores abordará outras dúas cuestións.  A primeira delas, a prórroga, durante 6 meses das 20 prazas concertadas no Centro de Día Arroupar, coas que o Concello complementa o servizo que ofrece a través do Centro Antonio Gandoi, incrementando así o número de persoas beneficiarias desta prestación. O investimento municipal anual neste contrato alcanza os 143.769’90 €, a razón de 599’04 por praza, dentro dos que se inclúe o custo pola atención (381’68 €), a manutención (104 €) e o transporte (114’36 €) por usuario ou usuaria.

Ademais, o executivo adxudicará á empresa Coto Estudios y Construcciones S.L a remodelación do segundo andar do Centro Uxío Novoneyra, onde se pretende concentrar toda a actividade dos Servizos Sociais adscritos ao mesmo. Traballos, valorados en 60.500 euros e cunha duración aproximada dun mes, nos que se contempla a creación de novos despachos e a mellora da distribución e accesibilidade nas instalacións así como a colocación de detectores de presenza e temporizadores de iluminación nas zonas de uso esporádico que redunden no aforro enerxético do inmoble.

Noticias relacionadas