Aprobada a lista provisional de adxudicatarios dos Hortos Urbanos dos Paxariños que ocuparán 26 das 32 parcelas dispoñibles

Logo da súa publicación abrirase un prazo de dez días naturais para presentar reclamacións.

O Executivo fomenta a aplicación da agricultura ecolóxica na utilización deste espazo, creado no anterior mandato de Lara Méndez.

O recinto conta tamén con zonas comúns de aparcamento, unha caseta para apeiros e material, fontes de rega e mesas e bancos de uso público.

Martes, 05 de abril de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Aprobada a lista provisional de adxudicatarios dos Hortos Urbanos dos Paxariños que ocuparán 26 das 32 parcelas dispoñibles

A Xunta de Goberno aprobará este mércores a listaxe provisional de adxudicación dos Hortos Urbanos dos Paxariños, logo de que concluíra o procedemento de solicitude e Medio Ambiente avaliase as instancias presentadas.

22 persoas concorreron ao proceso no que se puxeron a disposición un total de 32 parcelas. “6 das candidaturas quedaron excluídas, maioritariamente por eivas na documentación presentada, pero, tendo en conta que existían hortos sen ocupar procedemos a outorgarllos tamén a aquelas persoas que concorreron ao proceso fóra de prazo así como ás que foran beneficiarias na anterior convocatoria e tiñan interese en continuar”, explicou o tenente de alcaldesa e responsable de área, Miguel Fernández.

O concelleiro lembrou que Medio Ambiente aproveitou unha extensión de máis de 3.000 m² de zona verde, sita entre a Rolda das Fontiñas e o paseo fluvial do Rato - a carón da barrio do Xuíz - para crear, xa no primeiro mandato de Lara Méndez, un espazo de convivencia social ao redor da labranza individual de pequenas parcelas para autoconsumo no que se configuraron tres decenas de hortos, de aproximadamente 30 m² cada un, separados entre si por pantallas vexetais.

“A zona conta tamén con espazos dotacionais como estacionamentos e unha caseta de madeira para a garda de apeiros de labranza e material de traballo, así como fontes de rega adaptadas á contorna e mesas e bancos de uso público”, sinalou o edil o tempo que destacou que entre as normas de utilización das parcelas, cobran especial importancia unha serie de normas relacionadas coa súa utilización como que “deben predominar os cultivos autóctonos, é dicir, plantas comestibles de tradición hortícola, plantas aromáticas e tamén medicinais”.

“Existe, ademais, un forte compromiso pola agricultura ecolóxica, de maneira que as usuarias e usuarios dos hortos deberán prescindir de produtos químicos de síntese. Este requirimento implica, alén, a fertilización orgánica da parcela, o uso de sementes ecolóxicas e de variedades locais, así como a súa rotación. E, na medida do posible, usaranse remedios naturais contra as pragas e enfermidades e fertilizarase a terra regularmente con materia orgánica previamente descomposta, no canto de empregar substancias artificiais”, referiu o edil.

Igualmente, Miguel Fernández, apuntou que se evitará malgastar auga ou a utilización de métodos de rega que provoquen un consumo anormal da mesma. “Quedando reservadas, por parte do Concello, a utilización do 10% das parcelas para destinalas a un uso divulgativo a través de accións de educación ambiental”.

O concelleiro de Medio Ambiente avanzou que, unha vez que a resolución do equipo de Goberno se publique no Taboleiro de Edictos municipal, as persoas interesadas no procedemento terán un prazo de dez días naturais para presentar as reclamacións que estimen oportunas.

Noticias relacionadas