Aprobada a creación da Dirección Xeral de Recursos Humanos para gañar eficacia e eficiencia na xestión de persoal

“Todos compartimos o diagnóstico de que é urxente a reorganización dos recursos humanos, polo que propoñemos esta figura para unha situación de excepcionalidade e como medida provisional que reforce o labor de Persoal”

O Pleno dá luz verde por unanimidade ao regulamento do Consello Municipal de Turismo, un “órgano de participación de todos os sectores da cidade vinculados ao turismo para impulsar esta actividade”

Xoves, 30 de xuño de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Corporación municipal de Lugo aprobou no Pleno ordinario deste xoves, cos votos a favor de PSOE, Lugonovo e Cidadáns e en contra de PP, BNG e ACE, a creación dunha Dirección Xeral de Recursos Humanos co fin de “gañar eficacia e eficiencia na xestión do persoal”, subliñou o voceiro do Goberno, Miguel Fernández.

“Todos compartimos o diagnóstico de que é fundamental e urxente a reorganización e reestructuración dos recursos humanos, polo que propoñemos esta figura ante unha situación de excepcionalidade e como medida provisional que veña a reforzar o traballo de xestión importante que se vén realizando dende Persoal”, explicou o concelleiro, dado que “hai unha serie de temas de moito calado que fan necesario que a Concellería e a Dirección Xeral se complementen implementando de forma colaborativa co resto dos funcionarios unha solución que dea canto antes resultados”. Fernández aludiu neste senso ao “déficit de efectivos” existente no Concello debido entre outros motivos “á Lei Montoro, que impediu substitucións e taxas de reposición”, á necesidade de “prestar cantos máis e mellores servizos posibles aos cidadáns” e a sacar adiante no menor tempo posible “a Relación de Postos de Traballo, o proceso de funcionarización, a creación dunha carreira profesional ou a regulación das horas extraordinarias”, cuestións reclamadas polos propios traballadores municipais.

O Goberno, asegurou o voceiro, barallou varias alternativas, optando pola Dirección Xeral “por razóns de eficacia e rapidez”, recalcando que a medida responde “a un exercizo de responsabilidade” e a unha situación de “excepcionalidade”, polo que “en canto se acade a normalidade esta figura xa non será necesaria”.

Regulamento do Consello de Turismo
No Pleno deste xoves saíu adiante tamén, neste caso por unanimidade, a aprobación inicial do regulamento do Consello Municipal de Turismo, que servirá para poñer en marcha un “órgano de participación de todos os sectores da cidade vinculados ao turismo da cidade para impulsar esta actividade”, afirmou a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre. A edil recalcou que se trata dun “documento aberto”, polo que a composición inicial desta entidade poderase ampliar unha vez que se poña en marcha a través de mesas sectoriais.

O Consello, que recibiu os parabéns de todos os grupos municipais, nace en cumprimento dun compromiso electoral do grupo de Goberno e plenario, e responde á importancia do turismo como motor económico do Concello, un sector que non deixa de medrar, rexistrando un incremento do 8,5% en rendibilidade hoteleira e un 3,5% en emprego o ano pasado.

A Alcaldesa, Lara Méndez, subliñou que “hoxe é un día importante para Lugo por este paso que damos”, enmarcado no compromiso do Goberno pola economía sostible, “que pasa tamén por un turismo sostible e de calidade”.

Xestión económica
A sesión ordinaria da Corporación deu luz verde a dous asuntos de carácter económico. Por unha banda, a modificación orzamentaria para anular a operación de crédito de 3,3 millóns de euros prevista nos Orzamentos do 2016, substituíndoa por remanentes de tesourería para gastos xerais, resultado da liquidación do exercicio 2015, e, por outra, un recoñecemento extraxudicial de crédito por importe de 200.054,77 euros, o 76% correspondente a facturas de gas e electricidade, tal e como informou a Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, quen neste senso recalcou que todas e cada unha das minutas conta coa conformidade dos servizos, o que verifica a execución do servizo.  

Pacto de Alcaldes
A Corporación acordou, a proposta da Alcaldesa, unha declaración institucional para adherir ao Concello de Lugo á iniciativa Pacto de Alcaldes Integrado polo clima e a enerxía, a maior rede mundial de cidades para loitar contra o cambio climático e paliar os seus efectos. Trátase dun movemento único, que conseguiu mobilizar a un gran número de autoridades locais e rexionais, para desenvolver plans de acción e orientar os investimentos cara a atenuación dos efectos do quentamento global.

Audio

  • Miguel Fernández, voceiro do Goberno Municipal | Descargar MP3

Noticias relacionadas