A aposta polo emprego do Goberno de Lugo: 8 proxectos, 3,6M€, 529 euros por persoa desempregada

Na última semana, o Concello conseguiu os obradoiros de Empregalia, TIC-Arqueolóxico e Lugo Cóidate, que beneficiarán a 181 lucenses

Mércores, 02 de agosto de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Voceiro Municipal, Miguel Fernández, avanzou este mércores que a Xunta de Goberno Local aprobou na sesión desta mañá delegar a competencia para a aceptación da subvención outorgada ao Concello para o obradoiro de emprego denominado TIC-Arqueolóxico na Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto. Faino para axilizar os trámites desta nova acción formativa, de 224.000 euros, que ten como obxectivo a posta en valor e comunicación do patrimonio arqueolóxico de Lugo, ao mesmo tempo que se facilita a formación de 16 persoas desempregadas maiores de 18 anos. Ademais, o TIC-Arqueolóxico está encamiñado a impulsar a actividade no Vello Cárcere, centro que conta precisamente cun espazo dedicado á arqueoloxía.

Esste obradoiro ten unha duración de 9 meses e arrincará, previsiblemente, a finais de setembro. Entre as diferentes especialidades formativas a impartir coas que conta atópase a dixitalización en 3D de bens mobles e inmobles do patrimonio histórico e arqueolóxico do municipio, a elaboración de diversas programacións culturais para desenvolver no Vello Cárcere e a creación dun canal cultural.

En materia de emprego, o Goberno de Lugo demostra coas súas accións que a política está para dar resposta ás demandas dos veciños e veciñas, a pesar de, como no caso de emprego, o Concello non teña as competencias, tal e como lembrou Fernández. O esforzo do Goberno amósase na inversión social para emprego, uns "8 proxectos 3,6 milllóns de euros nos dous anos de Goberno, ou o que é o mesmo, 529 euros por persoa desempregada", entre o Inicia Coworking, con máis de 800.000 euros, pensado para dar asesoramento a 260 emprendedores, o obradoiro EmpregaTIC, dotado de 130.800 euros, que abriu oportunidades laborais a máis de 15 mozos e mozas en materia de novas tecnoloxías da información e comunicación; 2 cursos AFDS de 84.582 euros para mellorar o perfil de empregabilidade en áreas laborais relacionadas coa atención socio sanitaria e a dependentes, o Plan Mellora Lugo, cun investimento de 425.000 euros para dar emprego na mellora de servizos municipais e que conta con 20 desempregados, e (Con) trato feito!, que deu emprego a máis de 50 persoas conxugando a demanda real das empresas e asociacións á oferta dispoñible. Estes plans únense ao TIC-Arqueólico, o Lugo Cóidate, cun importe de 135.000 euros que ofrecerá formación e traballo no coidado e atención de persoas maiores, dependentes e nenos e nenas, e o Empregalia, de 645.000 euros, para proporcionar á mocidade de Lugo formación en sectores con maiores perspectivas de crecemento económico e de emprego no municipio; dos que, ambos os tres, o Concello foi beneficiario a semana pasada e que beneficiarán a 181 lucenses.

"Todo isto é froito dunha planificación e traballo exhaustivo do Goberno que trata de captar a maior cantidade de investimentos para crear emprego no municipio", concluíu Fernández.

Licenza para uso hoteleiro na rúa Armanyá

Na sesión deste mércores, a Xunta de Goberno tamén acordou conceder licenza para a reestruturación do edificio número 3 da rúa Armanyá, para uso hoteleiro. O orzamento é de 519.900 euros e o prazo de execución, 36 meses. A reestruturación contaría cunha planta baixa, con accesos, administración e zona comercial; a primeira planta, con 4 apartamentos turísticos e local vinculado á planta baixa, a segunda planta, con 6 apartamentos turísticos e a planta baixo cuberta, con 3 apartamentos turísticos vinculados á planta anterior.

Audio

Noticias relacionadas