Ana Abelleira participa no evento As Prazas de Europa, organizado pola Comisión Europea coa colaboración de Europe Direct Lugo

A cita congregou a preto dun centenar de persoas en Foz para falar sobre a importancia dos pobos e pequenos municipios para o futuro de Europa.

Xoves, 07 de xullo de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Ana Abelleira participa no evento As Prazas de Europa, organizado pola Comisión Europea coa colaboración de Europe Direct Lugo

A tenenta de alcaldesa e edil de Desenvolvemento Local, Ana Abelleira, participou este xoves no evento As Prazas de Europa, organizado pola Representación da Comisión Europea en España, en colaboración co centro de información municipal Europe Direct Lugo. A cita, que tivo lugar ao longo da tarde na Praza do Conde de Fontao, na localidade de Foz, reuniu a preto dun centenar de persoas co obxectivo recoñecer a importancia dos pobos e dos pequenos municipios para o futuro de Europa e poñer en valor o seu papel na promoción dos principais valores europeos.

Na xornada tamén participaron Francisco Cajoto, Alcalde de Foz; Maciej Berestecki, agregado de prensa na Representación da Comisión Europea en España; Patricia Sánchez, Responsable de Comunicación da Axencia Europea de Control da Pesca; Feliciano Tisera, axente de comunicación da representación da Comisión Europea en España; e Olga Iglesias, Xefa Territorial de Medio Rural da Xunta de Galicia en Lugo.

O evento contou cunha mesa redonda e debate aberto cos participantes, a través dos que se informou sobre como traballa a Comisión Europea para mellorar a vida dos cidadáns de pobos, cidades pequenas e zonas rurais. Tamén se abordaron as políticas europeas de medioambiente e consumo sostible; e puxéronse en valor os produtos locais e o papel dos estándares da UE como impulso á calidade do produto e á internacionalización, así como garantía de calidade para os consumidores.

Para finalizar, os asistentes puideron gozar dun cátering de produtos alimentarios sostibles galegos, con certificación europea e que recibiron financiamento comunitario, á vez que dialogaron con expertos que lles explicaron as características destes produtos.

Europe Direct Lugo

Europe Direct Lugo é un dos 37 centros que forman a rede EUROPE DIRECT en España. Esta rede, promovida pola Comisión Europea, ten como obxectivo achegar a Unión aos cidadáns sobre o terreo e facilitar a súa participación nos debates sobre o futuro da UE. O Concello de Lugo vén de renovar, o pasado ano, a súa oficina Europe Direct para o período 2021-2025, sendo o único concello de Galicia que ofrece este servizo.

Noticias relacionadas