
Un grupo de alumnos do Bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía (STEMBach) do lES As Lagoas, de Ourense, solicitou visitar o edificio municipal Impulso Verde, ao tratarse dun referente no ámbito da construción, bioclimatización e eficiencia enerxética, aspectos nos que están a profundizar a través dos seus estudos.
Na visita, que tivo lugar este venres, participaron 31 mozos e mozas, de entre 16 e 18 anos, acompañados por catro docentes, que puideron coñecer as instalacións deste inmoble promovido polo Goberno de Lara Méndez na Garaballa, no marco do proxecto LIFE Lugo+Biodinámico, cofinanciado pola Unión Europea. Deste xeito, o Concello continúa a fomentar os valores medioambientais a través deste inmoble, o primeiro edificio público construído con madeira de Galicia.
Así, trátase do primeiro edificio en España e un dos poucos no mundo en obter a certificación de proxectos FSC, unha prestixiosa garantía que confirma que esta construción non contribúe á deforestación e aposta polo produto local. Tamén é un referente na loita contra o cambio climático, capaz de xerar con enerxías alternativas o seu propio consumo.
O Impulso Verde cumpre, a través das numerosas visitas que recibe, coa súa importante función didáctica como expoñente do modelo de cidade que lidera a alcaldesa Lara Méndez. Un proxecto, clave na educación e na concienciación cidadá para avanzar na configuración de urbes máis fortalecidas ante o cambio climático.