Alcaldía anuncia melloras, no marco da estratexia Lugo Smart City, para abondar na transparencia do Concello de Lugo

Xoves, 26 de setembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O equipo de goberno daba a coñecer esta mañá a súa decisión de incorporar, dentro das actuacións do compoñente 9 do proxecto Lugo Smart City, unha liña de actuación orientada a mellorar a transparencia do Concello coa fin de incrementar o coñecemento que ten o cidadá sobre as xestións municipais, ademais de ofrecer a posibilidade de explotar, por parte de sector privado e da cidadanía, datos públicos.

Miguel Couto explicaba hoxe, no transcurso do Pleno Municipal, que a información que proximamente se porá a disposición da veciñanza organizarase con relación a seis áreas de actuación como son o urbanismo e a transparencia activa; as relacións coa cidadanía; a transformación económico – financeira; a transparencia nas contratacións e convenios; en materia de obras públicas e medio ambiente e no dereito de acceso á información.

“En total, máis de 80 indicadores que se publicarán en breve e que nos permitirán compararnos dun xeito homoxéneo co resto dos Concellos dos que se avalían os índices de transparencia segundo a estrutura proposta por Transparencia Internacional”, indicou o concelleiro de Urbanismo.

Por outra banda, na sesión celebrada esta mañá, o edil de Medio Ambiente, Álvaro Santos, cualificou de “sesgadas e interesadas” as informacións vertidas polo Partido Popular cando asegurou días atrás que o Concello de Lugo incumpre 16 dos 17 obxectivos de desenvolvemento sostible analizados pola REDS (Rede Española para o Desenvolvemento Sostible).

“É unha mágoa que os concelleiros do PP non falen dos indicadores nos que se sustenta ese informe. Porque, por exemplo, onde suspendemos é en aspectos como a concentración de altos ingresos, o ratio por dependencia por cidade, a integración laboral de discapacitados ou de estranxeiros, os investimentos en investigación, desenvolvemento e innovación, en dependencia por sector de emprego, no acceso a servizos de educación infantil, en poboación con nivel de educación secundaria, na brecha de xénero na taxa de poboación activa, na brecha salarial en pensións, na taxa de desemprego, en desemprego xuvenil ou en desemprego de longa duración... Só por nomear algunhas, pero todas, competencias que superan o ámbito local”, sinalou Álvaro Santos.

“O que nos preocupan son as mentiras que vostedes pretenden utilizar. Procuren ser serios e rigorosos e valoren todos os indicadores para saber onde se está a fracasar que é, precisamente, en políticas que deben ser deseñadas, financiadas e desenvolvidas por institucións e administracións de ámbito superior ao local”, sinalou o concelleiro de Medio Ambiente ao tempo que convidou ao resto de edís da Corporación a facer o seguimento do cumprimento que o Concello está a facer dos obxectivos de Desenvolvemento Sostible, empregando os mecanismos xa habilitados para non engadir máis carga de traballo aos técnicos coa creación dunha nova Comisión.

Audio

  • Álvaro Santos, sobre o proxecto Lugo Smart City | Descargar mp3

Noticias relacionadas