Paula Alvarellos interesouse polos proxectos do colectivo, que este ano cumpre 77 da súa fundación, e que “é clave no mantemento e impulso do baile e da música tradicionais”.

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, recibiu a dous integrantes da nova directiva da agrupación cultural Cántigas e Frores, que recentemente rematou un proceso de renovación para elixir á nova xunta, que estará encabezada polo presidente do colectivo Anxo Vilabrille, quen acudiu á reunión coa alcaldesa xunto a Álvaro Candal. Ambos falaron coa rexedora municipal de próximos retos, das actuacións que centrarán a actividade nos vindeiros meses dunha agrupación, que segundo a alcaldesa “é parte imprescindible da cultura lucense”. De feito, neste 2025, Cántigas e Frores cumprirá 77 anos, “o que demostra a longa traxectoria desta agrupación, que foi e está a ser clave no mantemento e no impulso do baile e da música tradicionais”, comentou Paula Alvarellos.
A alcaldesa interesouse polas actividades que están a preparar para este ano e puxo en valor “o seu papel non só como divulgadores da nosa cultura, coas súas agrupacións de baile e música, senón tamén como impulsores, a través das distintas escolas, do que pode considerarse como unha auténtica canteira artística e cultural”. Ademais, Paula Alvarellos destacou a súa importante masa social, na actualidade cuns 300 socias e socios, e a súa implicación na cultura lucense. De feito, durante o transcurso da reunión falaron dos próximos proxectos que desenvolverán na cidade, no Entroido, na Semana Santa e na tradicional Feira do 48, no mes de setembro, na que se celebra o nacemento da asociación.



