A Alcaldesa preséntalle aos grupos da Corporación o anteproxecto para crear 7 caldas na contorna do Miño, cofinanciadas con fondos FEDER

Fíxoo na xuntanza da Comisión de Seguimento do Muramiñae, que se celebrou esta mañá no Salón de Comisións

As piscinas deseñadas serán de acceso público e non afectarán ao caudal do río, xa que as augas que se empregarán serán da traída. Propóñense caldas integradas e nada invasivas coa contorna, respectuosas co medio e accesibles

Venres, 26 de abril de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa preséntalle aos grupos da Corporación o anteproxecto para crear 7 caldas na contorna do Miño, cofinanciadas con fondos FEDER

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, deulle a coñecer este venres aos grupos políticos da Corporación, na xuntanza da Comisión de Seguimento do Muramiñae, que se celebrou esta mañá no Salón de Comisións, o anteproxecto para a execucución de caldas na contorna do río Miño.

Esta acción, coa que o Concello dotará a Lugo de piscinas de auga quente non medicional por xeotermia, enmárcase na estratexia DUSI de Lugo, finanaciada ao 80% con fondos FEDER.

As 7 piscinas deseñadas (5 de auga quente e 2 de auga fría) serán de acceso público e non afectarán ao caudal do Miño, xa que as augas que se empregarán serán da traída. Propóñense caldas integradas e nada invasivas coa contorna, respectuosas co medio ambiente e accesibles. Ademais ao seu carón haberá un edificio de servizos, revestido de madeira, que consta cun vestíbulo de acceso, tres vestuarios (masculino, feminino e adaptado) e unha sala de máquinas.

En canto ás caldas, son vasos estruturais de formigón armado pulidos e impermeabilizados, con profundidades comprendidas entre os 60 e os 90 cm, aproximadamente. Contarán cunha cubrición formada por unha manta térmica.

Con esta intervención, a entidade local busca revitalizar a contorna do río, incrementando os recursos destinados ao lecer da veciñanza lucense, pero tamén se engade un atractivo máis á oferta turística da cidade vinculada ao seu pasado romano, xa que os baños públicos formaban parte do seu modo de vida.

Noticias relacionadas