A alcaldesa Paula Alvarellos reúne ao tecido asociativo para informarlles sobre o modifcado de Santo Domingo

A necesidade de axustarse ao estudo de cargas obriga a recolocar o vial proxectado, cicunstancia que se aproveita para atender as demandas veciñais.

Este cambio conleva unha variación na aliñación das baldosas que modifican o seu tamaño nalgúns tramos para así garantir a funcionalidade e a estética do espazo.

A praza dispoñerá de 840 m² de zonas verdes, 155 máis que na actualidade, conservará todas as árbores de gran porte existentes, a fonte e contará cun novo kiosko.

A rexedora quixo comunicar de forma directa estas modificacións aos colectivos para evitar filtracións interesadas cuxo obxectivo é confundir á cidadanía.

Venres, 21 de xuño de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A alcaldesa Paula Alvarellos reúne ao tecido asociativo para informarlles sobre o modifcado de Santo Domingo

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, reuniuse esta tarde co tecido asociativo interesado de forma directa no desenvolvemento do Proxecto Corazón Verde para informarlles do avance dos traballos de peonalización do Centro Histórico. Na xuntanza, á que se convocou aos representantes da asociación de veciños Centro de Lugo, da Federación de Comercio de Lugo e do colectivo Lugo Monumental, a rexedora avanzou cal é a idea na que se está traballando para o proxecto modificado da praza de Santo Domingo.

“Quixen comunicarvos aos principais colectivos que tedes un interese específico nestas obras e dunha maneira conxunta os detalles deste modificado para que teñades a información de primeira man e antes que ninguén, por deferencia pero tamén e, sobre todo, debido á cantidade de filtracións, sempre interesadas, que se trasladan á opinión pública, aproveitando  calquera avance ou movemento, incluso os que son habituais ou frecuentes en obras desta envergadura”, comezou Alvarellos.

Deste xeito, a alcaldesa explicou que durante a redacción do proxecto fixéronse os cálculos a partir de documentación existente, sen poder realizar catas por non estar aínda en obra. Posteriormente, a empresa adxudicataria solicitou a un laboratorio de construción acreditado, a realización dos ensaios e o estudo estrutural do aparcamento subterráneo da praza de Santo Domingo.

Unha vez realizados estes traballos, onde se tomaron mostras do armado dos piares e do forxado en diferentes zonas do aparcamento subterráneo, púidose comprobar que o armado existente non é idéntico ao indicado no proxecto de construción do aparcamento subterráneo, onde figuraba que se establecía unha limitación de carga para a circulación do tráfico por encima del, non estando permitido o tránsito de vehículos con Masa Máxima Autorizada que superase as 7’5 toneladas. Logo, en fase de obra, os ensaios e as catas de armado e formigón que se realizaron en distintos puntos, concluíu que o recomendable sería deixar o vial por onde se atopa agora e non polo medio da Praza. Dese estudo dedúcese, ademais, que os vehículos que circulen non deben superar o 3.500 kg.

“Esta circunstancia fixo necesaria a reorganización do vial que estaba previsto, así como dos diferentes servizos proxectados como a recollida de augas pluviais ou a iluminación. Pero quixemos aproveitar ademais esta circunstancia para ter en conta as peticións que nos trasladábades, de maneira que desde o Concello fixemos un especial fincapé en conservar as zonas verdes e incrementar todo o posible o espazo axardinado”, sinalou a rexedora durante a reunión.

Deste xeito, o Executivo de Paula Alvarellos non só mantén toda a superficie de céspede que xa existe (685 m²), senón que aproveitou esta circunstancia para incrementala en 155 m² máis, de maneira que a Praza de Santo Domingo dispoñerá de 840 m² de zonas verdes, onde, conservaranse todas as árbores de gran porte existentes.

En canto á súa configuración, tanto nesa zona verde inicial como na nova actuarase para crear un #xardín# con céspede e flores elevado axardinado que conecte de maneira máis óptima co resto de elementos da obra ao redor. “Un dos obxectivos é conseguir unha maior harmonización e inclusión aplicando ao urbanismo criterios de perspectiva de xénero que contribúan a eliminar zonas escuras, mellorando non só a accesibilidade senón tamén a seguridade dos espazos públicos”, relatou Alvarellos Fondo.

“Búscase unha maior conectividade entre as distintas partes da praza, abrindo camiños ou cruces que permitirán camiñar por ela e quedar a descansar, pero tamén que faciliten saír da mesma por diferentes puntos sen ter que percorrela ou atravesala enteira”, apuntou a alcaldesa. Para conseguir este efecto, os camelios, que se manterán, serán podados coidadosamente, para convertelos en árbores xa que agora mesmo, como arbustos, constitúen unha pantalla que divide a praza en dúas áreas e xera espazos de sombra, inseguros ou que predisponen a condutas pouco apropiadas. Só retirarase un, que xa está seco, aproveitando o espazo que ocupa para crear unha zona de paso cara á liña de edificacións.

En canto á parte superior da praza, durante esas tarefas de estudo, leváronse a cabo diferentes catas para descubrir o perímetro e forxado no espazo onde se atopa a entrada ao aparcamento subterráneo e observouse que a súa configuración non permite a instalación de alcorques sobre o mesmo ao non dispoñer de espazo suficiente para o enraizado de árbores, coa posibilidade de danar tamén a impermeabilización do aparcamento. “Isto non impide que, neste punto da praza, poida crearse igualmente unha zona de céspede que poderá conter outras plantas ornamentais con menores necesidades de enraizamento”, explicou a alcaldesa, quen durante o transcurso do encontro tomou nota das achegas dos representantes veciñais.

En canto á reordenación do vial, esta conleva unha modificación na aliñación das baldosas. Para iso cámbiase as medidas da pedra en diferentes zonas para  así seguir conservando unha óptima funcionalidade e estética da praza. A circulación neste ámbito será de dobre dirección en rúa do Teatro, que será de entrada para o uso de aparcadoiro e residentes e de saída para o resto de usos que accederán á praza de Santo Domingo pola rúa Montevideo e Quiroga Ballesteros.

Alvarellos Fondo explicou tamén que durante o transcurso da obra, observouse a necesidade de realizar un recrecido dos muros do aparcadoiro para incrementar a altura actual e así alcanzar a cota adecuada e que o Concello procederá a chapear  coa mesma pedra de granito a plataforma do Bimilenario, mellorando así a súa protección, xa que se creará duna zona axardinada aos pés do monumento cuxa extensión, neste caso, non varía á xa contemplada no proxecto.

Por último, a alcaldesa informou os representantes veciñais de que a praza contará cun Quiosco que irá situado onde estaba orixinalmente o anterior e que xa conta coas acometidas necesarias e, tamén, como se comprometeu o Goberno local, manterase a fonte. “Estes son a grandes liñas as características do modificado no que se está traballando e que, ata que non estea totalmente definido non se poderá determinar con rigor se implica un incremento ou unha diminución dos custos con respecto ao proxecto inicial”, concluíu Alvarellos.

Multimedia

  • A alcaldesa Paula Alvarellos reúne ao tecido asociativo para informarlles sobre o modifcado de Santo Domingo

Noticias relacionadas