Lara Méndez: “Tratamos de mitigar o impacto que a crise derivada do COVID19 tivo no zona, que sofre unha competencia moi agresiva das grandes marcas e da compra online”.
Desenvolvemento Local Instalará 4 pantallas dixitais anticovid que permitirán ampliar á visibilización dos locais e que a cidadanía interactúe con eles 24 horas, 7 días a semana.
Os paneis sensorizarán diversos parámetros sobre as consultas dos usuarios para facilitar o seu análise co fin de fidelizar as vendas e activar máis plans de dinamización económica.
Esta experiencia singular foi a única seleccionada en Galicia na convocatoria lanzada pola Cámaras de Comercio de España para modernizar o comercio minorista tras a pandemia.
A experiencia piloto busca ampliarse logo a proxectos de maior envergadura para implantarse nos comercios como ‘escaparates táctiles’.
Os contidos desenvolveránse desde dous obradoiros no Centro de Emprendimento Municipal (CEI-Nodus), no que se formará e dará emprego a 16 persoas.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presentou hoxe o proxecto ‘Lugo é capital, urban ad display’, a primeira experiencia piloto que se pon en marcha en España de impulso do comercio e da hostalaría local a través dun sistema innovador de cartelería interactiva, que “non só aumentará a visibilidade dos establecementos e dos seus produtos e servizos, permitindo unha interacción directa entre os negocios e a cidadanía durante 24 horas os 7 días da semana, senón que permitirá recoller datos derivados do uso das pantallas, de maneira ética e anónima, que facilitarán a orientación de novas estratexias de fidelización e venda”.
A rexedora, acompañada da tenente de alcaldesa e concelleira de Desenvolvemento Local, Ana González Abelleira, aclarou que este proxecto foi o único seleccionado de toda Galicia na convocatoria que abriu a Cámara de Comercio de España sobre iniciativas singulares en cascos históricos para modernizar o comercio minorista tras a pandemia. “O fin é contribuír a fortalecer o tecido comercial, mellorar a súa competitividade e acadar un aumento das vendas a través da modernización dos equipamentos”, comentou a rexedora.
O proxecto caracterízase por combinar diferentes tecnoloxías xa existentes para obter un produto totalmente novidoso, creando unha rede comunicativa e publicitaria como forma de poñer en valor os comercios tradicionais do centro histórico desde unha perspectiva innovadora e adaptada ás novas tendencias, a nivel comunicativo e a nivel tecnolóxico.
Con este fin, instalaranse 4 pantallas interactivas, dous fixas no exterior das dependencias municipais de Novas Tecnoloxías, e dous totems móbiles, que serán itinerantes. As mesmas actuarán como soportes de publicidade gratuíta dos comercios e abren a posibilidade de que o comprador interactúe cos eles (compras, reservas). Ademais, aglutina tecnoloxías capaces de identificar persoas, procesos e percorridos para analizar os comportamentos e medir así mesmo a efectividade das campañas.
É un produto demostrativo que busca validar este sistema, “xa que logo podería implantarse nos comercios como ‘escaparates táctiles’, facilitando o comercio electrónico, a publicidade dixital ,etc, mantendo a interactividade táctil, o acceso ás plataformas web e as redes sociais”, comentou Lara Méndez. “É dicir, o proxecto piloto pode ser a antesala doutro máis ambicioso, a desenvolver en todo o comercio e a hostalaría local, pois a aprendizaxe que nos trasladou esta pandemia é precisamente a necesidade de adaptación e previsión a este cambio de paradigma e enorme reto para estes sectores”.
Os dispositivos ademais da información comercial, ofrecerá contidos de interese para os cidadáns como a axenda municipal, rutas, avisos e alertas socio-sanitarias, entre outros, e permitirán revitalizar a imaxe da cidade para os visitantes que acoden a Lugo.
As pantallas contan cun cristal interactivo con protección antivandálica. Tamén levan instalada unha lámina transparente e antimicrobiana, capaz de desactivar o 99% dos virus da superficie.
Vantaxes do sistema:
- Sistema modular adaptativo. A tecnoloxía pode ser adaptada a diferentes contornas: escaparates de tendas, mobiliario urbano, oficinas de turismo...
- Sistema programable. Pódense programar diferentes listas de reprodución en función da localización e do día da semana ou da hora do día.
- Soporte de alta visibilidade. Información e contidos en tempo real emprazados no centro histórico de Lugo.
- Alto grao de personalización. Admítense diferentes tipoloxías de contidos multimedia.
- Alto grao de interactividade. Pódese habilitar desde unha plataforma de e-commerce, ticketing, até información de tipo flotante coa que o viandante pode interactuar. Segundo unha enquisa de IAB, un 67% das persoas que se viron expostas unha pantalla dixital han interactuado con ela (universo: individuos residentes en España de 18 a 55 anos)
- Permiten a instalación de diferentes sistemas de interacción: invitacións a redes sociais, códigos QR, Online Check In, códigos promocionais, pantalla táctil, social login, IoT e sensores de movemento.
- É un soporte que mellora a imaxe de marca, suscita interese entre o público e que encaixa dentro da filosofía e novos modelos de smart city.
O proxecto, que conta cun investimento de 100.000 euros financiado nun 80% por Fondos Feder, complementarase coa creación dos contidos que irán nos dispositivos dixitais, “que realizaremos a través dos obradoiros de formación e emprego que anunciamos recentemente, dirixido a menores de 30 anos e dotados dun orzamento de 369.492 euros”, segundo aclarou a concelleira Ana González Abelleira. Os obradoiros suporán a contratación de 16 mozos, 1 director/a e dous docentes para formarse nas especialidades de desenvolvemento de produtos audiovisuais multimedia interactivos e de aplicacións con tecnoloxía web.
Audio
- A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a experiencia piloto do comercio | Descargar mp3