A Alcaldesa de Lugo agradece á Unidade Militar de Emerxencias a súa intensa labor de apoio á cidadanía durante a pandemia

Lara Méndez lembrou, o día en que se cumpre o 2º aniversario do decreto do Estado de Alarma, que “foi o maior despregamento das Forzas Armadas en tempos de paz”.

A rexedora destacou que a Cidade de Lugo agradeceu este ano coa súa Medalla de Ouro a este colectivo: “En momento de incerteza, actuaron con compromiso e rigor”. 

Luns, 14 de marzo de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa de Lugo agradece á Unidade Militar de Emerxencias a súa intensa labor de apoio á cidadanía durante a pandemia

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, recibiu hoxe na Casa do Concello a membros da Unidade Militar de Emerxencias (UME), aos que agradeceu en nome da Cidade de Lugo o seu intenso labor durante a pandemia. “A actuación da UME foi o maior despregamento das Forzas Armadas en tempos de paz en España”, sostivo a rexedora, que lembrou que hoxe mesmo se cumpre o segundo aniversario do decreto do Estado de Alarma.

Desde marzo de 2020, a Unidade Militar de Emerxencias asumiu diversas misións orientadas tanto a previr os contaxios coa desinfección de instalacións como a colaborar co sistema sanitario. Durante os case 100 días que durou a ‘Operación Balmis’, realizaron máis de 20.000 actuacións. Concretamente, a Brigada Galicia realizou máis de 220 desinfeccións e despregou unhas 300 patrullas durante o Estado de Alarma

A rexedora destacou que a Cidade de Lugo agradeceu este ano coa súa Medalla de Ouro a este colectivo, “porque nos momentos de maior incerteza e cando todo eran dúbidas sobre como se propagaba o virus, cada un dos profesionais das Forzas Armadas afrontou as súas tarefas con compromiso, valentía e rigor·.

Exposición ‘Operación Balmis’:

Previamente á recepción, Lara Méndez, acompañada dos tenentes de alcaldesa, Miguel Fernández e Paula Alvarellos, asistiu ao acto de inauguración da exposición ‘Operación Balmis’, na entrada principal do HULA, que estará aberta ao público ata o 18 de marzo ás 13.00 horas en horario continuado.

A operación foi bautizada co nome de “Operación Balmis”, como homenaxe á expedición humanitaria que liderou Francisco Javier Balmis entre 1803 e 1806, un médico militar que levou a vacina das vexigas aos territorios españois de ultramar. A exposición consiste nunha colección de paneis fotográficos reunida polo Museo Histórico Militar da Coruña e da Unidade Militar de Emerxencia ( UME), ademais de diverso material empregado na mesma.

 

Multimedia

  • A Alcaldesa de Lugo agradece á Unidade Militar de Emerxencias a súa intensa labor de apoio á cidadanía durante a pandemia

Noticias relacionadas