A Alcaldesa copreside a Xunta Local de Seguridade e activa o operativo para a celebración do Caudal Fest

A Alcaldesa de Lugo recalca a importancia da colaboración institucional para o bo desenvolvemento dunha cita na que se espera recupere a asistencia do ano 2019.

Venres, 09 de setembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa copreside a Xunta Local de Seguridade e activa o operativo para a celebración do Caudal Fest

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, copresidiu hoxe a Xunta Local de Seguridade celebrada no salón de plenos do Concello para planificar o dispositivo especial que se porá en marcha, como cada ano, con motivo da celebración do Caudal Fest.

Na reunión definíronse as actuacións previstas en materia de seguridade e tráfico desde o venres 16 ao sábado, 17 de setembro, días nos que ten lugar o festival, que reunirá a miles de persoas no entorno do Miño ao ser unha cita moi esperada.

Unha dotación de bombeiros e tres unidades permanentes da Policía Local realizarán un amplo despregamento na zona. Este operativo especial terá por obxecto a regulación do tráfico e o control da seguridade viaria; a preservación da seguridade cidadá e a orde pública, e a prevención de delitos contra a saúde pública e contra o patrimonio. Tamén haberá un punto violeta contra a violencia machista e un posto de información sobre a prevención de consumo de alcol. Pola súa banda a subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, avanzou o apoio da Policía Nacional e da Agrupación de Tráfico da Garda Civil.

Na reunión participaron, ademais da alcaldesa de Lugo e a Subdelegada do Goberno, representantes da Policía Local, do Servizo de Prevención e Extinción de Incendios e Salvamento, do Subsector de Tráfico, da Dirección Xeral de Emerxencias, do Corpo Nacional de Policía, de Protección Civil e da organización do Caudal Fest.

A rexedora destacou a importancia da boa coordinación entre as institucións para o bo desenvolvemento dunha cita “que pon a Lugo no mapa nacional dos festivais”. “Cunha previsión de recuperar a asistencia do ano 2019, é importante garantir a seguridade ao máximo”, subliñou Méndez, que animou ao público “a gozar de forma responsable” do festival.

Multimedia

  • A Alcaldesa copreside a Xunta Local de Seguridade e activa o operativo para a celebración do Caudal Fest

Noticias relacionadas