A Alcaldesa continúa coa toma de contacto directo co tecido asociativo, con reunións con AJE e COGAMI

A rexedora mantivo un encontro cos presidentes da federación galega e da asociación lucense de xóvenes empresarios, aos que ratificou o compromiso do Concello cos emprendedores

Lara Méndez asegurou que impulsará a economía social nunha xuntanza cos presidentes de COGAMI e da federación deste colectivo en Lugo, na que lles garantiu unha “estreita colaboración e apoio continuado” da entidade local

Luns, 20 de xullo de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, continuou este luns coa toma de contacto directo co tecido asociativo do municipio mantendo sendos encontros con representantes de AJE e de COGAMI. No caso de AJE, asistiron a presidenta da Federación Galega, Carmen José López, e o presidente da Asociación de Jóvenes Empresarios de Lugo, Juan Manuel López.

Méndez, quen destacou a envergadura de AJE Galicia, que agrupa a máis de 980 empresas, e AJE Lugo, un colectivo formado por máis de 70 empresarios da provincia, ratificou o compromiso da entidade local para facilitar e consolidar o labor dos emprendedores de Lugo, motor de crecemento da cidade. “Os emprendedores son clave para a creación de postos de emprego”, aseverou a rexedora.

Tras este “encontro satisfactorio”, Lara Méndez loubou o “espíritu emprendedor” das máis de 36.500 persoas que puxeron en marcha unha actividade por conta propia na provincia, ao tempo que se comprometeu coas inquietudes e necesidades que lle trasladaron os representantes de AJE, tales como facilitar o inicio da actividade dos emprendedores a nivel administrativo ou a colaboración tanto en materia económica como de servizos.

“Estreita colaboración” entre Concello e COGAMI

Lara Méndez tamén mantivo este luns unha reunión co presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, e co presidente da Federación de COGAMI en Lugo, José Luis Lolo Celeiro; unha xuntanza na que a Alcaldesa lles garantiu a “estreita colaboración e o apoio continuado do Concello” a este colectivo, que atende ao día a 100 persoas de toda a provincia con discapacidade física.

No encontro, a rexedora, que foi convidada ao 25 aniversario da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade –previsto para o 11 de setembro en Santiago-, asegurou que fará súa a aposta de COGAMI pola economía social.

Multimedia

Noticias relacionadas