A Alcaldesa amosa o seu total apoio ás reivindicacións dos pensionistas lucenses

Mércores, 13 de marzo de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo transmitiu o seu apoio ás reivindicacións dos pensionistas lucenses, que todos os luns se manifesta diante da casa Consistorial para facer oír a súa voz para reclamar pensións que lles permitan vivir con dignidade. A Alcaldesa, Lara Méndez, mantivo unha reunión recentemente coa Asociación de Xubilados e Pensionistas –Ajypel- para escoitar as súas reclamacións e responder ás cuestións que lle trasladaron. Os pensionistas déronlle as grazas por ser a primeira política de Lugo en querer reunirse con eles para atender as súas demandas.

Entre os temas que se abordaron estivo o vincular de xeito permanente as pensións ao IPC, cos que a rexedora se mostrou totalmente de acordo, “e máis tendo en conta que as pensións dos lucenses son das máis baixas de España”, incidiu a Alcaldesa, que recordou que este é unha das reivindicacións nas que estaba traballando o Goberno de Pedro Sánchez. O Goberno central aprobou revalorizar o 1,6% as pensións, incluído o límite máximo de percepción, seis décimas máis que a previsión de IPC do Goberno, polo que haberá unha ganancia de poder adquisitivo por primeira vez en anos. Ademais, revalorizáronse o 3% as pensións mínimas do sistema da Seguridade Social, as pensións non contributivas e as do extinguido Seguro Obrigatorio de Vellez e Invalidez (SOVI) non concorrentes, así como as pensións do SOVI concorrentes con pensións de viuvez.

Os pensionistas tamén lles trasladaron á Alcaldesa algunhas necesidades como colectivo, que xa está estudando con eles directamente a Concelleira de Concello e Cidadanía, Rosana Rielo.

Noticias relacionadas