Aberto, dende hoxe e ata o 29 de outubro, o prazo de solicitude das axudas para material escolar, ás que o Goberno destina 40.000€

As bolsas escolares están dirixidas ao alumnado de  segundo ciclo de educación infantil, matriculado en centros sostidos con fondos públicos. Por segundo ano consecutivo a contía individual será de 100 euros

Luns, 08 de outubro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Dende este luns, 8 de outubro, e ata o 29 de outubro poden solicitarse as axudas para a adquisición de material escolar e didáctico para alumnos e alumnas de educación infantil, tras a publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia. Esta convocatoria, que foi publicada na Base de Datos Nacional de Subvencións, ten o obxectivo de colaborar na mellora da calidade educativa e na igualdade de oportunidades de todos os nenos e nenas do municipio.

O Concello, a pesar de non ter competencias en materia de Educación, destina nesta convocatoria 40.000 euros a estas axudas, incrementándose con respecto ao ano anterior; para facilitar o acceso á educación a toda poboación en igualdade de condicións, ao tempo que contribúen a superar as desigualdades e impulsan unha mellor educación.

As bolsas escolares están dirixidas ao alumnado de segundo ciclo de educación infantil, matriculado en centros sostidos con fondos públicos. Por segundo ano consecutivo a contía individual será de 100 euros. Para acceder a ditas axudas o único criterio é a renda familiar e é necesario que o alumno ou alumna estea censado en Lugo.

As bases poden consultarse no Boletín Oficial da Provincia do pasado sábado. O formulario está a disposición das persoas interesadas na área de Educación, situada no Centro de Convivencia Uxío Novoneyra, nas oficinas de Atención ao Cidadá do Concello, na web municipal e no propio BOP. As solicitudes deberán presentarse no Rexistro Municipal.

Noticias relacionadas