Aberta a convocatoria para solicitar o uso dos hortos urbanos que o Goberno acondiciou no Parque dos Paxariños

As persoas interesadas nunha destas 33 parcelas poden presentar a súa solicitude, no Rexistro Xeral do Concello, durante 15 días naturais, isto é, ata o 20 de febreiro

A adxudicación realizarase baixo criterios sociais, tal e como se reflexa na ordenanza reguladora, aprobada por unanimidade no Pleno Municipal

O Concello tratará de proporcionar a cada persoa usuaria unha superficie mínima de 30m2. A duración das autorizacións será de 2 anos vexetativos e a previsión é que as persoas adxudicatarias comecen a traballar de cara á primavera

Luns, 05 de febreiro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo vén de publicar as bases para a autorización de uso dos hortos urbanos municipais no Taboleiro de Anuncios da entidade local e na páxina web municipal, www.lugo.gal. Tal e como explicou o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, as persoas interesadas nunha destas 33 parcelas acondicionadas polo Concello no Parque dos Paxariños, poden presentar a súa solicitude, no Rexistro Xeral do Concello, durante 15 días naturais, isto é, ata o 20 de febreiro. Coa covocatoria do uso temporal destas parcelas, o Goberno continúa impulsando unha forma máis sostible de disfrutar da cidade, recuperando espazos de uso público para o seu uso público.

Daniel Piñeiro, quen agarda que esta sexa a primeira de moitas convocatorias do uso destes hortos urbanos, que tamén se proxectan nas Gándaras dentro do Lugo+Biodinámico que lidera o Concello; lembrou que a adxudicación se realizará baixo criterios sociais, tal e como se reflexa na ordenanza reguladora, aprobada por unanimidade no Pleno Municipal.

A valoración das peticións farase conforme ao seguinte baremo:

  • Persoas desempregadas que non reciban ou tivesen esgotado a prestación e/ou subsidio por desemprego: 10 puntos
  • Persoas desempregadas perceptoras de prestación ou subsidio por desemprego: 8 puntos
  • Ter a persoa solicitante ao seu cargo algún integrante da unidade familiar con discapacidade psíquica ou física que o incapacite para o traballo: de 1 a 4 puntos segundo o grao de discapacidade.
  • Familias monoparentais: pais ou nais con fillos menores ao seu cargo: 4 puntos, máis un por cada menor ao seu cargo.
  • Vítimas de violencia de xénero ou no ámbito familiar: 4 puntos, que se incrementarán con outro máis por cada fillo ao seu cargo.
  • Xubilados maiores de 65 anos: 2 puntos.
  • Xubilados de entre 60 e 65 anos.

En caso de que dous ou máis solicitantes obteñan a mesma puntuación, para a formación da listaxe de adxudicación terase en conta a orde de entrada da solicitude no Rexistro Xeral do Concello. Esta listaxe exporase ao público a través do Taboleiro de Edictos e da web do Concello polo prazo de 10 días naturais, no que as persoas interesadas poderán reclamar se non están de acordo coa valoración realizada. Rematado este prazo e resoltas as reclamacións, no caso de recibirse, ditarase resolución definitiva dos adxudicatarios.

As persoas que non resulten beneficiarias pasarán a integrar unha bolsa de suplentes, que tamén se ordenará conforme á valoración acadada na fase de baremo, e que serán chamados en caso de renuncia ou perda do dereito de calquera das persoas adxudicatarias. Nesta bolsa de suplentes, ao final do listado, tamén entrarán as persoas que, aínda presentando as solicitudes fóra de prazo, reúnan os requisitos esixidos para ser adxudicatarios.

O Concello tratará de proporcionar a cada persoa usuaria unha superficie mínima de 30 metros cadrados. A duración das autorizacións será de dous anos vexetativos e a previsión é que as persoas adxudicatarias poidan comezar a traballar os terreos de cara á primavera.

Solicitudes

As solicitudes, no modelo normalizado de instancia que se facilitará ao efecto, deben ir acompañadas dunha fotocopia compulsada do DNI ou documento que legalmente o substituía, unha fotografía recente tamaño carné, unha declaración xurada ou certificado médico de capacidade física para a realización de labores agrarias, declaración xurada de que tanto o solicitante como o seu cónxuxe ou outros membros da unidade familiar non están en posesión doutra parcela de horto urbano no municipio e a documentación que acredite o cumprimento das condicións que se van valorar conforme aos criterios que se establecen na convocatoria.

Mil metros de hortos

Os hortos urbanos que creou o Concello no Parque dos Paxariños teñen unha extensión total de 3.000 metros cadrados, dos cales se empregarán para o cultivo 1.085, distribuídos en 33 parcelas, e os restantes son zonas comúns: un aparcamento, unha caseta de madeira para apeiros e material, fontes de rega e mesas e bancos de uso público, todo, integrado no entorno.

Os hortos están destinados ao autoconsumo para favorecer os hábitos de vida saudables a través do cultivo de productos ecolóxicos.

O investimento que destinou o Concello para o acondicionamento dos hortos foi de 60.000€. Na actualidade, os traballos están rematados, a falta tan só de colocar setos perimetrais, os marcos das parcelas e os composteiros, o que se fará cando se adxudiquen.

Audio

Noticias relacionadas