As intervencións suporán un investimento de máis de 324.000 euros con cargo ás partidas de renovación de infraestruturas básicas.
Os traballos terán unha duración máxima de catro meses no caso de Pintor Pacios e de cinco en Alexandre Bóveda, con garantías ampliadas a catro anos fronte ao mínimo legal dun.
A concelleira Ana Abelleira subliña que “seguimos renovando infraestruturas básicas para mellorar o servizo tanto no saneamento como no abastecemento da cidade”.
- Tema

O Concello de Lugo aprobará na vindeira Xunta de Goberno Local dúas actuacións destinadas a modernizar e reforzar as infraestruturas hidráulicas en barrios consolidados da cidade. Estas intervencións suporán un investimento conxunto de máis de 324.000 euros, financiados con cargo ás partidas de renovación de redes de saneamento e abastecemento.
“Seguimos renovando infraestruturas básicas para mellorar o servizo tanto no saneamento como no abastecemento da cidade”, destacou a concelleira de Cohesión Territorial, Ana Abelleira, quen puxo en valor que estas actuacións permitirán atender ás demandas da veciñanza e mellorar a eficiencia das redes municipais.
A primeira das obras consistirá na renovación da rede de saneamento na rúa Pintor Pacios, cun investimento de 64.387,96 euros IVE incluído e un prazo máximo de execución de catro meses. A intervención permitirá modernizar as canalizacións e aumentar a capacidade da rede nunha zona residencial de uso intensivo. “É unha actuación que responde a unha necesidade real e que suporá unha mellora directa no día a día das persoas que viven nesta contorna”, apuntou Abelleira.
En paralelo, o Concello de Lugo aprobará tamén a renovación da rede de abastecemento en varios tramos da rúa Alexandre Bóveda, cun orzamento de 260.392 euros IVE incluído e un prazo máximo de execución de cinco meses. A obra inclúe un plan específico de retirada de amianto que permitirá substituír con garantías as tubaxes e acometidas. “Con esta intervención reforzamos a calidade da rede de abastecemento e aseguramos un servizo máis eficiente e adaptado ás necesidades actuais”, explicou a concelleira.
Ambas actuacións incorporan unha ampliación da garantía de 48 meses, moi por riba do mínimo legal dun ano, o que supón unha maior cobertura para o Concello e un reforzo do investimento municipal. Segundo Abelleira, “estas condicións aseguran que o esforzo económico realizado terá continuidade no tempo e que a veciñanza contará cun servizo fiable e de calidade durante moitos anos”.
“Desde o Concello de Lugo estamos a traballar con planificación e responsabilidade para que a renovación das redes de abastecemento e saneamento chegue progresivamente a todos os barrios”, concluíu a concelleira.

