Miguel Fernández mantivo unha reunión con afectados e fixo fincapé en que “non queremos que se constrúa no polígono C desta zona; non é o noso modelo de cidade”.
O rexedor aclarou que hai que agardar ao impacto ambiental da Xunta e ao informe da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, e en base ás resolucións pasar á seguinte fase”.
Na xuntanza avogou por actuar “con criterio e sentidiño, e esperar polas conclusións dos ditames técnicos” aínda que insistiu en que “non queremos oito alturas ás beiras do río”.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, mantivo unha xuntanza con veciños e veciñas afectados pola posible construción nunha superficie duns 19.000 metros cadrados de edificacións de oito alturas, no polígono C de Paradai, na zona comprendida entre a Ponte Romai e a ponte da estación. Na reunión cuns trinta veciños e representantes de asociacións ecoloxistas, o rexedor municipal insistiu en que “desde o Goberno Local estamos na mesma liña que a veciñanza de Paradai de buscar solucións para preservar a contorna do río. Esta zona é un privilexio para Lugo e para as e os lucenses e temos claro que aí non queremos un edificio de oito alturas; non é o noso modelo de cidade”.
Ante as distintas iniciativas formuladas pola veciñanza que asistiu á reunión para frear esta situación, o alcalde sinalou que “é necesario actuar con criterio e con sentidiño”. Neste sentido, explicou que “agora mesmo temos que agardar polo Estudio de Impacto Ambiental da Xunta de Galicia e polo informe da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, uns informes que realizarán os técnicos das citadas administracións, que son quen emitirán os ditames preceptivos”.
Neste senso, Miguel Fernández, que estivo acompañado polo concelleiro de Urbanismo, Jorge Bustos, e polo director xeral desta área no Concello, Hipólito Pérez, explicou que “se non se paralizan en base a esas conclusións dos informes da Xunta e da CHMS, actuaremos en consecuencia. Pasaremos á seguinte fase, que sería a negociación cos distintos propietarios, ou a unha última opción que sería a modificación puntual do Plan Xeral.
Ao remate da xuntanza, Miguel Fernández sinalou que “foi unha reunión na que corroboramos que tanto o Goberno Local como a veciñanza afectada compartimos a mesma preocupación ante a posibilidade de que se constrúa nesa parcela porque está claro que tería un gran impacto na contorna natural e na protección do medio nesta zona. Todo isto vai en contra do noso modelo de cidade e temos claro que non queremos que se constrúa nesa localización. Así que, respectando a legalidade urbanística e os dereitos de edificabilidade dos propietarios, debemos buscar solucións para preservar ese entorno”.
Audio
- Miguel Fernández, sobre a veciñanza de Paradai | Descargar mp3




