O Executivo de Paula Alvarellos aproba o plan de patrocinios do Arde Lvcvs para potenciar a recreación histórica e a difusión da festa

A iniciativa permitirá captar financiamento privado para reforzar a ambientación e ampliar a programación do evento, declarado de Interese Turístico Internacional.

O modelo de patrocinio estrutúrase en seis categorías, con achegas que van dos 1.500 aos 18.000 euros, garantindo diferentes niveis de visibilidade e participación.

“O Arde Lvcvs é un exemplo de como o traballo colectivo e o compromiso, sumado ao apoio do sector privado, poden consolidar Lugo como un referente en recreación histórica”, subliñou o edil de Xuventude, Jorge Bustos.

Mércores, 12 de febreiro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Executivo de Paula Alvarellos aproba o plan de patrocinios do Arde Lvcvs para potenciar a recreación histórica e a difusión da festa

O Executivo de Paula Alvarellos aprobou hoxe na Xunta de Goberno Local o plan de patrocinios do Arde Lvcvs 2025, unha iniciativa que busca reforzar a ambientación, a programación e a difusión do evento a través da colaboración con empresas privadas. O modelo establecido permitirá que entidades de distintos sectores poidan apoiar a festa mediante achegas económicas que se traducirán en maior visibilidade nos espazos oficiais, materiais promocionais e soportes dixitais do evento.

O edil de Xuventude, Jorge Bustos, destacou que este programa de captación de patrocinios permitirá seguir evolucionando a festa, ao tempo que se incrementa a calidade das actividades e a ambientación xeral. “Esta festa non deixa de medrar en calidade, e iso é grazas ao esforzo conxunto de moita xente. Con este plan de patrocinios queremos dar un paso máis para garantir que o Arde Lvcvs siga avanzando e ofrecendo unha experiencia única a toda a cidadanía”.

Ademais de mellorar a festa, a colaboración público-privada tamén contribúe ao dinamismo económico da cidade. O Arde Lvcvs é un dos eventos con maior impacto en Lugo, xerando un retorno significativo para a hostalaría, o comercio e os servizos locais. “Cada euro investido nesta celebración tradúcese nun retorno moi superior para Lugo, xa que en cada edición constatamos o seu enorme efecto na economía local. É unha aposta segura polo crecemento da cidade e a súa proxección exterior”, subliñou Bustos.

Seis categorías de patrocinio con diferentes vantaxes

O plan establece seis categorías de patrocinio adaptadas ás diferentes posibilidades económicas das empresas interesadas en colaborar co evento. O nivel máis básico, o patrocinio Lexionario, require unha achega de 1.500 euros e inclúe presenza en redes sociais, na web oficial, en carteis e no programa da festa. O patrocinio Optio, cunha contribución de 3.000 euros, engade a participación na reunión de patrocinadores con nota de prensa. No nivel Centurión, cunha achega de 6.000 euros, os patrocinadores suman anuncios en prensa e unha publicación exclusiva nas redes sociais oficiais do evento.

A partir deste punto, os patrocinadores que aposten por achegas superiores recibirán unha visibilidade maior nos soportes do evento. O patrocinio Prefecto, con 10.000 euros, ofrece mupis exclusivos, presenza no vídeo oficial e 10 entradas para o circo. As empresas que opten polo patrocinio Tribuno, cunha contribución de 15.000 euros, contarán cun número superior de mupis exclusivos e un reforzo na publicidade individualizada. Finalmente, a categoría máis alta, o patrocinio Legado, destinado a quen achegue 18.000 euros, outorgará a máxima visibilidade, con 30 banderíns no centro histórico, presenza destacada en materiais de difusión e privilexios exclusivos na promoción do evento.

A captación de patrocinios estrutúrase a través dun procedemento aberto, no que as ofertas económicas marcarán a adxudicación, permitindo así unha xestión transparente e competitiva. “O Arde Lvcvs pretende incorporar máis público internacional, por iso o noso obxectivo é seguir mellorando a recreación histórica e a oferta para que a experiencia sexa cada vez máis inmersiva”, sinalou Bustos.

A festa de recreación histórica, que se celebrará entre o 12 e o 15 de xuño de 2025, foi recoñecida en 2023 como Festa de Interese Turístico Internacional e conta co respaldo dos e das lucenses e de todo o tecido asociativo da cidade. Grazas ao seu traballo, o evento converte a cidade nun escenario vivo do pasado, unha experiencia que cada ano segue evolucionando cara á excelencia.

Audio

  • O edil de Xuventude, Jorge Bustos, sobre o plan de patrocinios do Arde Lvcvs | Descargar mp3

Noticias relacionadas