Xuventude abre mañá a votación popular en redes para elixir o cartel gañador do Arde Lucus, entre os 64 deseños presentados

Poderase votar ata o vindeiro 14 de abril, ás 12.00 da mañá. Os 32 traballos máis votados pasarán a unha segunda fase, na que un xurado de expertos decidirá a imaxe para a festa. 

A Casa da Xuventude acollerá o 16 de abril, a partir das 11.00 da mañá, o acto no que se descubrirá a obra escollida para representar ao evento de recreación histórica.

Luns, 31 de marzo de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A área de Xuventude do Concello de Lugo abre mañá a votación popular nas redes sociais do Arde Lucus para elixir, nunha primeira fase, entre os 64 deseños presentados na edición deste ano da festa de recreación histórica. De todos eles, a metade dos traballos que obteñan maior respaldo popular, é dicir 32, pasarán a unha seguinte e derradeira fase, na que un xurado de expertos elixirá o deseño gañador. Os e as lucenses poderán votar polo seu cartel favorito desde mañá ata o vindeiro 14 de abril, ás 12.00 da mañá. 

Está previsto que a Casa da Xuventude acolla o 16 de abril, a partir das 11.00 da mañá, o acto no que se descubrirá a obra escollida para representar o evento de recreación histórica, unhas instalacións municipais que ademais acollerán durante un mes a exposición dos 64 deseños aceptados para o concurso deste ano, ao que se presentaron 67. Desde a área de Xuventude sinalan que estes tres traballos foron eliminados do concurso por tratarse de copias de portadas de libros; de carteis doutras festas nacionais e pola utilización de intelixencia artificial, algo prohibido nas bases deste concurso, que premiará con 1.900 euros ao gañador desta edición.

O concelleiro de Xuventude, Jorge Bustos, encargado da organización da festa de recreación histórica, puxo en valor “a alta participación de deseños presentados neste ano, fronte aos máis de 50 do ano pasado e aos 35 da edición de 2023. Estamos satisfeitos non só polo que supón para a festa en si, senón porque consideramos que é unha moi boa plataforma para darse a coñecer como artista ou deseñador gráfico, cunha gran proxección pola propia internacionalización do Arde Lucus”.

O propio edil será un dos integrantes do xurado, aínda que ao igual que outro técnico de Xuventude, non terá nin voz nin voto. Os que si decidirán sobre o deseño gañador serán o resto de membros do xurado, é dicir, persoas vinculadas coa ilustración e o deseño gráfico; unha persoa en representación da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón; e o arqueólogo municipal do Concello de Lugo, Enrique González. Todos eles deberán decidir o cartel que será a imaxe do Arde Lucus deste ano, en función de distintos criterios como o deseño e a composición estética, a orixinalidade da obra, a creatividade e a calidade da mesa.

Noticias relacionadas