Con esta acción formativa, incluida no programa +XTi, buscase formar á mocidade en coñecementos valorados no mercado laboral e promover a súa empregabilidade.
Os cursos, cuxa matrícula estará aberta desde mañá e ata o día 6, dotarán ao alumnado de ferramentas para fomentar hábitos e actitudes saudables nas crianzas.
As clases para as 15 prazas impartiranse os venres, de 16.30 a 20.30, e os sábados, de 10.00 a 14.00 horas, durante os meses de marzo, abril e maio, na Casa da Xuventude.

A área de Xuventude abrirá mañá o prazo de inscrición para os cursos gratuítos de monitor de comedor e axudante de transporte escolar, dirixidos á mocidade, unha accións formativa incluída no programa municipal +Xti, co que se busca formar a mozos e mozas de 16 a 35 anos en coñecementos valorados no mercado laboral, fomentando a súa empregabilidade. Hai dispoñibles un total de 15 prazas para estes cursos, cuxo prazo de matrícula remata o vindeiro 6 de marzo.
Así o explicou hoxe o conecelleiro de Xuventude, Jorge Bustos, quen puxo en valor este tipo de accións formativas “que dotarán ao alumnado de ferramentas para promover hábitos e actitudes saudables entre as crianzas, cuns cursos que, ao mesmo tempo, promoven a empregabilidade dos mozos e mozas, que ampliarán o seu currículo e seguirán formándose nunha actividade de balde con ensinanzas dinámicas e moitas posibilidades de traballo”.
Os cursos desenvolveranse na Casa da Xuventude, onde se impartirán as 80 horas semi presenciais, os venres de tarde, en horario de 16.30 a 20.30 horas, e os sábados de mañá, de 10.00 a 14.00, durante os meses de marzo, abril e maio. A inscrición nesta actividade pódese realizar, de xeito gratuíto, desde mañá día 27 ata o vindeiro 6 de marzo, na páxina web www.lugomasxti.org, na pestana de Actividades/Inscricións.
Segundo explicou o edil Jorge Bustos, o principal obxectivo desta nova acción formativa pasa por “formar profesionais competentes, capacitando ao alumnado para desempeñar as funcións dun monitor de comedor e acompañante de transporte escolar de maneira eficiente e segura, ademais de promover hábitos e actitudes saudables nos nenos e nenas, relacionadas coa nutrición e a alimentación e o mantemento da súa seguridade”.
Co desenvolvemento desta actividade, incluída no programa +XTi 24-25, cofinanciado polo Plan Nacional Sobre Drogas, tamén se pretende sensibilizar ao alumnado sobre a importancia de ocupar o tempo de ocio de maneira saudable e enriquecedora, tanto para eles como para os nenos e nenas aos que coidarán. Esta actividade, ao igual que moitas outras programadas desde a área municipal de Xuventude, tamén conta con obxectivos máis específicos, que neste caso, suporán, segundo destaca Jorge Bustos, “adquirir coñecementos sobre a normativa vixente en materia de transporte escolar e comedores escolares, así como os protocolos de seguridade e hixiene”.
Ademais, outras achegas que ofrece este curso pasan por desenvolver habilidades de comunicación, xa que aprenderán a comunicarse de maneira efectiva con nenos, nenas, pais e outros membros da comunidade educativa, utilizando diferentes estratexias e recursos, para o que tamén será necesario coñecer nocións en canto á xestión de grupos de cativos e cativas, de diferentes idades, promovendo un ambiente seguro, educativo e divertido, tanto durante o transporte como no tempo do comedor escolar.
Promover a alimentación saudable, resolver conflitos, dinamizar o tempo de ocio e atender ás necesidades especiais do alumnado con alerxias, intolerancias ou outras necesidades de saúde, para garantir a súa seguridade e benestar, serán outros obxectivos que marcarán a dinámica destes cursos.
A selección para cubrir as 15 prazas dispoñibles farase por rigorosa orde de inscrición, cuxo prazo remata o 6 de marzo, ás 19.00 horas. Para acceder a elas é necesario ter entre 16 e 35 anos e estar empadroado en Lugo ou residir no municipio. A Concellería de Xuventude pon a disposición o teléfono 982 297498 para solicitar máis información sobre estas actividades ou resolver dúbidas sobre esta acción formativa.
Audio
- O concelleiro de Xuventude, Jorge Bustos, sobre os cursos de monitor de comedor e transporte escolar | Descargar mp3


