As xuntanzas da Alcaldesa coa veciñanza para mellorar o servizo do transporte público continúan mañá no barrio da Ponte

O encontro terá lugar no Local Social da Ponte a partir das 20:00 horas. Para os que non poidan asistir, poden achegar as súas suxestións a través de moveteporlugo@concellodelugo.org, www.lugo.gal, ou no 010

Domingo, 22 de maio de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
As xuntanzas da Alcaldesa coa veciñanza para mellorar o servizo do transporte público continúan mañá no barrio da Ponte

As xuntanzas abertas que organiza o Concello por todos os barrios da cidade para recoller as propostas e opinións dos veciños e veciñas de cara a mellorar o servizo do transporte público e adaptalo á realidade social e económica actual da cidade, continúan mañá no barrio da Ponte. O encontro, o oitavo da campaña Móvete por Lugo, terá lugar  no Local Social deste barrio a partir das 20:00 horas.

A reunión arrincará cunha introdución, na que a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, explicará en que esta campaña, posta en marcha aproveitando a nova concesión do servizo de transporte de viaxeiros e dará conta da situación actual das liñas que discorren polo barrio. Así mesmo, porá enriba da mesa algunha das suxestións comúns que xurdiron nas 7 reunións levadas a cabo, nas que participaron unhas 200 persoas, e que pasan, de xeito xenérico, por mellorar a puntualidade dos buses, polo funcionamento de pantallas que indiquen en tempo real os horarios así como polo desenvolvemento dunha aplicación móbil, por potenciar zonas de intercambiadores e  e por poñer a disposición dos viaxeiros un billete con posibilidade de realizar transbordos. Logo, a rexedora abrirá un período de intervencións para que os lucenses fagan as súas propostas e suxestións, recomendacións que o Concello terá en conta á hora de deseñar o novo mapa de liñas do bus urbano e facelo máis accesible, co obxectivo de aumentar o número de viaxeiros.

Ademais destas xuntanzas, o Concello ten abertas outras tres vías de participación: online, no enderezo electrónico moveteporlugo@concellodelugo.org ou www.lugo.gal, e a través do Servizo de Atención Cidadá 010.

As últimas xuntanzas, esta semana

Tras a cita deste luns na Ponte, e logo de achegarse á Abella, á Milagrosa, á Residencia, ao Sagrado Corazón, a Fontiñas, a Fingoi e á Piringalla, as xuntanzas abertas da Alcadesa cos veciños e veciñas continuarán no Ceao, no local da Asociación de Empresarios, e nas Gándaras, no local social, o 24 de maio, ás 19:00 e ás 21:00 horas, respectivamente; e en Esperante, a peticións dos seus veciños, o xoves, 26 de maio, ás 20:30 horas. En base ao manifestado polos lucenses e tras estudar a viabilidade das propostas, o Concello porá en marcha o novo servizo do transporte público de viaxeiros, o máis barato de Galicia e un dos máis baratos de España.

Noticias relacionadas