A Xunta de Goberno aproba o proxecto da Ordenanza Reguladora da Administración Electrónica

Mércores, 25 de novembro de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá o proxecto de Ordenanza Reguladora da Administración Electrónica do Concello de Lugo segundo indicaron a Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, e a Concelleira de Servizos Xerais, Luisa Zarzuela.

Zarzuela explicou que esta ordenanza está dirixida a regular a implantación da administración electrónica no Concello mediante o impulso da utilización dos canles e medios electrónicos no desenvolvemento da actividade administrativa do Concello, para a relación coa cidadanía e coas restantes administracións públicas.

Esta ordenanza regulará as actuacións nas que participe o Concello nos seguintes ámbitos:

- Tramitación dos procedementos administrativos na tramitación telemática.

- Creación do rexistro electrónico e a regulación do seu funcionamento.

- Especificación dos trámites e procedementos que poderán ser iniciados a través do rexistro electrónico así como a fixación dos principios reguladores para a incorporación de novos trámites e procedementos administrativos.

- A prestación por medios informáticos de servizos de información e atención á cidadanía polos distintos órganos e unidades administrativas das distintas áreas do Concello.

- A regulación das relacións coas demais administracións e entidades públicas, cando actúen como usuarias dos servizos e como parte interesada nos procedementos incluídos no ámbito de aplicación da ordenanza.

- Regulación das relacións internas entre órganos e unidades administrativas do Concello que se realicen a través de redes internas.

Ademais, crearase unha Comisión Técnica da Administración electrónica que exercerá as funcións de control e desenvolvemento de todos os aspectos técnicos, administrativos e formativos que a fagan posible.

Estudo sobre a Muralla
Pola súa banda, Sonia Méndez, explicou que nesta xuntanza aprobouse a apertura do procedemento de contratación da realización dun estudo topográfico da Muralla mediante tecnoloxía escáner láser. O estudo englóbase dentro da vertente científica e técnica do proxecto MOENIA LVCENSIS, proxecto coordinado polo Servizo de Arqueoloxía do Concello de Lugo que ten como finalidade principal o impulsar o coñecemento e a difusión da Muralla Romana de Lugo a través da utilización das novas tecnoloxías.

En concreto, este estudo topográfico vai consistir na realización dun levantamento volumétrico de alta definición da Muralla Romana de Lugo mediante o emprego da tecnoloxía do escáner con láser. Esta tecnoloxía baséase no varrido da superficie a estudar captando miles de puntos por segundo cun feixe de láser en abanico, obténdose unha nube de puntos composta por centos de miles de medicións individuais que se poden representar nun sistema de coordenadas e que ten como aparencia visual a dunha fotografía en 3D da superficie topografiada. O resultado principal da utilización desta técnica vai ser a xeración dunha cartografía dixital e tridimensional de gran precisión e xeorreferenciada da Muralla Romana de Lugo cun nivel de detalle moi superior ao dado polos levantamentos convencionais, o que vai permitir ter un coñecemento exhaustivo das súas características físicas. Á súa vez vai servir de base cartográfica para calquera estudo ou intervención que se vaia a realizar no monumento (realización de calquera tipo de medición, lectura de paramentos, estudo do estado de conservación da muralla, evolución do monumento, reconstrución virtual, base planimétrica para un SIG da Muralla).

A Concelleira explicou que “o estudo vai ter como ámbito de actuación todo o perímetro da muralla tanto do seu lenzo exterior, interior como o seu paseo superior, o que supón ao redor dos 55.000 m2 de superficie a topografiar”.

O prazo de execución é ata o 31 de maio de 2010 e o traballo realizarase a cargo da subvención concedida ao Concello de Lugo pola Dirección Xeral de Belas Artes e Bens Culturais do Ministerio de Cultura, dentro da convocatoria do ano 2009 para proxectos de conservación, protección e difusión de bens declarados patrimonio mundial, sendo o orzamento máximo de licitación de 50.000.

Contratacións
A Xunta de Goberno Local aprobou tamén a prórroga polo prazo dun ano da prestación do servizo de cociña na escola infantil de Serra de Outes coa empresa A Billarda por un importe de 41.242 euros anuais e 3.436 mensuais.

Ademais, ampliouse por outro ano o contrato coa empresa Cogami Informática y Comunicaciones S.L. encargada do servizo de transporte de usuarios ao Centro de Día Municipal Antonio Gandoy. Este contrato conta cun orzamento de 26.985 euros anuais e 112´44 euros mensuais por usuario.

Tamén prorrogou o contrato coa empresa Grupo Cetssa Seguridad S.A., adxudicataria do Servizo de Vixilancia no Fogar do Transeúnte do Concello por un importe de 89.794 euros anuais e coa empresa Locus Avis S.A., encargada do control de estorniños na cidade de Lugo por 11.740 euros.

Ademais, nesta xuntanza o Grupo de Goberno actualizou o contrato asinado coa empresa Gestión y técnicas del agua, S.A. (Gestagua), adxudicataria dos servizos de explotación, mantemento e conservación da estación depuradora de augas residuais de Lugo e á xestión dos residuos dela, para o ano 2009 por un importe anual de 891.506 euros, o que supón un custo mensual de 74.292 euros. A Concelleira explicou que a ampliación de mantemento das novas infraestruturas de saneamento e depuración de augas residuais e o plan de verquidos á rede de saneamento é de 230.206 euros e o custo para a xestión de residuos da EDAR é de 234.451 euros.

Antigo cárcere
Por outra banda, aprobouse a selección do gañador do concurso para a redacción do proxecto, dirección de obra e coordinación de seguridade da rehabilitación do Antigo Cárcere englobado no proxecto Urban. Sonia Méndez lembrou que o proxecto elixido entre os cinco candidatos pre-seleccionados foi o preparado por Creus e Carrasco Arquitectos, S.L.P. da Coruña.

O edificio proposto pretende aproveitar ao máximo a idea de apertura ao público do cárcere, cambiando os principios de vixilancia e custodia en principios de busca e mostra de valores culturais e sociais. Os arquitectos propoñen unha compartimentación aberta, traballando cada un dos espazos de forma flexible con graos de apertura e intervención relacionados cos usos.

O importe final desta actuación incluída dentro do plan Urban ascende a un total de 5.490.000 euros e conta cun prazo de execución de 18 meses.

Escola Aberta
A Xunta de Goberno aprobou esta mañá a apertura do procedemento de adxudicación do programa Unha Escola Aberta que segundo a Concelleira de Economía é unha medida que contribúe a favorecer a conciliación da vida familiar e laboral, así como o entretenemento dos máis pequenos.

O presuposto para levar a cabo estas actividades aumenta este curso nun 65% destinando un total de 223.398´16 euros. Esta contía inclúe actividades extraescolares, apoio a comedores escolares, almorzos e merendas, así como apertura de instalacións deportivas en horario extraescolar.

Entre as actividades a ofertar atópanse: baile galego “Danzas”, xadrez, patinaxe, contacontos, títeres, baile moderno, gaita, técnicas teatrais, baloncesto, tenis, futbol sala, …

O servizo de comedor prestarase nos seguintes centros: CEIP Anexa, CEIP Luis Pimentel, CEIP Rosalía de Castro, CEIP Menéndez Pelayo, CEIP As Mercedes, CEIP Paradai, CEIP Albeiros e CEIP Illa Verde.

No caso das instalacións deportivas, realizarase a apertura de tres centros de primaria públicos distribuídos en tres zonas da cidade. Os horarios a cubrir serían de 10,00 a 14,00 horas e de 16,00 a 21,00, fins de semana incluídas.

Multimedia

Noticias relacionadas