Carmen Basadre presentou esta iniciativa, dirixida a rapaces e rapazas entre 10 a 18 anos co obxectivo de que se expresen a través de diferentes disciplinas artísticas
A edil destacou a creatividade como protagonista destas xornadas nas que se realizarán dous obradoiros, Palabras e Cinema
As persoas interesadas en participar poderán formalizar a inscrición a través da seguinte plataforma habilitada: www.tiquecontas.es

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, presentou, na Sala de Usos Múltiples do Edificio de Novas Tecnoloxías, a nova programación gratuíta e xuvenil impulsada polo Concello, Ti que contas, un proxecto dirixido a mozos e mozas que se desenvolverá en diferentes xornadas de maio e xuño co fin de que os participantes se expresen e se comuniquen a través do cine, o teatro, a literatura, a danza ou a plástica.
No acto no que tamén estiveron presentes os coordinadores das actividades, María Valcárcel e Enrique Bonet, Carmen Basadre destacou que “levamos a cabo estas actividades culturais onde a creatividade é a protagonista, co fin de que rapaces e rapazas de 10 a 18 anos teñan a súa voz, tomen decisións, intercambien opinións, se fagan preguntas e fomenten o espírito crítico”.
Ti que contas terá lugar nos espazos exteriores do Vello Cárcere e dividiranse as persoas inscritas en tres grupos de idade: Grupo A para maiores de 18 anos, grupo B para rapaces e rapazas de 15 a 18 anos e un terceiro grupo C no que se inclúen todos os/as participantes entre 10 a 14 anos. Nesta programación cultural desenvolveranse os seguintes obradoiros:
- Palabras, o 24, 25, 26 e 31 de maio e 1 e 2 de xuño; un obradoiro de escritura creativa, enfocado desde un ángulo divertido e dinámico, que potencia a creatividade e a interacción entre distintos grupos de mozos e mozas que dará como resultado un libro de artista cun autor colectivo.
- Cinema, o 21, 22, 23, 28, 29 e 30 de xuño; unha actividade na que as persoas participantes poden coñecer os elementos básicos para construír unha historia cinematográfica desde os seus inicios ata obter o produto final, unha película elaborada polos rapaces e rapazas asistentes.
O horario para os grupos A e B será de 21:00 a 23:30 horas os xoves e venres e para o grupo C, os sábados, de 10:30 a 13:00 horas.
Nesta liña, a edil fixo fincapé no compromiso do Goberno polo fomento da cultura entre os máis novos, “con esta nova programación creamos unha plataforma xuvenil en torno á cultura e á creatividade, a través de diferentes disciplinas artísticas. Grazas as actividades que se realizarán nos obradoiros, os rapaces e rapazas desenvolverán unha aprendizaxe tanto a nivel persoal como colectiva”, sinalou.
As persoas interesadas en participar poderán formalizar a inscrición a través da seguinte plataforma habilitada: www.tiquecontas.es. A partir deste enderezo estableceranse os grupos de traballo divididos por idades.
Como broche de ouro á formación recibida, realizarase un festival cultural interdisciplinar no que se presentarán todas as historias creadas.
Máis información en www.lugo.gal ou no teléfono de información cidadá 010.
Audio
- Carmen Basadre sobre o programa Ti que contas | Descargar mp3