Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Ti que contas, a nova aposta do Goberno polo fomento da cultura entre os máis novos

Ti que contas, a nova aposta do Goberno polo fomento da cultura entre os máis novos

Carmen Basadre presentou esta iniciativa, dirixida a rapaces e rapazas entre 10 a 18 anos co obxectivo de que se expresen a través de diferentes disciplinas artísticas

A edil destacou a creatividade como protagonista destas xornadas nas que se realizarán dous obradoiros, Palabras e Cinema

As persoas interesadas en participar poderán formalizar a inscrición a través da seguinte plataforma habilitada: www.tiquecontas.es [1]

  • Tema
    • Cultura e Turismo,
    • Xuventude
Luns, 30 de abril de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Ti que contas, a nova aposta do Goberno polo fomento da cultura entre os máis novos

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, presentou, na Sala de Usos Múltiples do Edificio de Novas Tecnoloxías, a nova programación gratuíta e xuvenil impulsada polo Concello, Ti que contas, un proxecto dirixido a mozos e mozas que se desenvolverá en diferentes xornadas de maio e xuño co fin de que os participantes se expresen e se comuniquen a través do cine, o teatro, a literatura, a danza ou a plástica.

No acto no que tamén estiveron presentes os coordinadores das actividades, María Valcárcel e Enrique Bonet, Carmen Basadre destacou que “levamos a cabo estas actividades culturais onde a creatividade é a protagonista, co fin de que rapaces e rapazas de 10 a 18 anos teñan a súa voz, tomen decisións, intercambien opinións, se fagan preguntas e fomenten o espírito crítico”.

Ti que contas terá lugar nos espazos exteriores do Vello Cárcere e dividiranse as persoas inscritas en tres grupos de idade: Grupo A para maiores de 18 anos, grupo B para rapaces e rapazas de 15 a 18 anos e un terceiro grupo C no que se inclúen todos os/as participantes entre 10 a 14 anos. Nesta programación cultural desenvolveranse os seguintes obradoiros:

  • Palabras, o 24, 25, 26 e 31 de maio e 1 e 2 de xuño; un obradoiro de escritura creativa, enfocado desde un ángulo divertido e dinámico, que potencia a creatividade e a interacción entre distintos grupos de mozos e mozas que dará como resultado un libro de artista cun autor colectivo.
  • Cinema, o 21, 22, 23, 28, 29 e 30 de xuño; unha actividade na que as persoas participantes poden coñecer os elementos básicos para construír unha historia cinematográfica desde os seus inicios ata obter o produto final, unha película elaborada polos rapaces e rapazas asistentes.

O horario para os grupos A e B será de 21:00 a 23:30 horas os xoves e venres e para o grupo C, os sábados, de 10:30 a 13:00 horas.

Nesta liña, a edil fixo fincapé no compromiso do Goberno polo fomento da cultura entre os máis novos, “con esta nova programación creamos unha plataforma xuvenil en torno á cultura e á creatividade, a través de diferentes disciplinas artísticas. Grazas as actividades que se realizarán nos obradoiros, os rapaces e rapazas desenvolverán unha aprendizaxe tanto a nivel persoal como colectiva”, sinalou.

As persoas interesadas en participar poderán formalizar a inscrición a través da seguinte plataforma habilitada: www.tiquecontas.es [1]. A partir deste enderezo estableceranse os grupos de traballo divididos por idades.

Como broche de ouro á formación recibida, realizarase un festival cultural interdisciplinar no que se presentarán todas as historias creadas.

Máis información en www.lugo.gal [2] ou no teléfono de información cidadá 010.

Audio

  •   Carmen Basadre sobre o programa Ti que contas | Descargar mp3 [3]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/ti-que-contas-nova-aposta-do-goberno-polo-fomento-da-cultura-entre-os-mais-novos

Ligazóns:
[1] http://www.tiquecontas.es
[2] http://www.lugo.gal
[3] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/300418-basadre-presentacion-tiquecontas.mp3