San Xoan do Campo conta cun novo Centro de Dinamización Sociocultural

Venres, 18 de abril de 2008
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e os concelleiros de Zona Rural e Benestar Social, Francisco Fernández Liñares e Carmen Basadre, visitaron hoxe a parroquia de San Xoan do Campo. Acompañados por numerosos veciños disfrutaron da escola rural rehabilitada polo Concello e que servirá de lugar de atención dos Servizos Sociais dentro da zona rural evitando que as persoas da zona teñan que desprazarse aos Centros Sociais da cidade.

O centro acollerá unha variedade importante de funcións, como a formación e a atención ás persoas maiores, pero serve tamén como lugar de reunión para o ocio e o tempo libre dos cidadáns do medio rural, entre outras. O obxectivo é que poida acoller actividades orientadas a todos os grupos de idade.

A intención perseguida por esta rehabilitación, así como a de outras escolas rurais do municipio, é descentralizar os Servizos Sociais, que hoxe en día funcionan só no medio urbán, e poñer un servizo de atención directa nestes centros.

O centro de San Xoan do Campo únese a outros rehabilitados nos últimos anos polo Concello, como a antiga Escola de Coeses, a de Santa María de Bóveda e en Calde.

Ademais a escola obradoiro “Escola Solidaria” destinada á formación práctica de 26 mozos e mozas en oficios de albanelería, carpintería e alicatado, está a levar a cabo a recuperación da antiga escola de San Pedro de Mera para crear nela un espazo para a realización de actividades sociais e culturais.

Noticias relacionadas