Os tres estudantes gañadores, Juan David Artunduaga, Brais Darriba e Xoán Sangiao, xunto co seu profesor Alberto Barreira e a xefa do departamento de informática do centro, Esther López, visitaron o Concello co Tenente de Alcalde e a concelleira de Educación.
O IES Muralla Romnana representará a Galiza na fase final que se celebrará preto do final do curso escolar nas instalacións da Universidade Complutense de Madrid.

O Tenente de Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo xunto coa edil de Educación e Difusión do Coñecemento, Iria Buide, recibiron no concelllo aos estudantes do IES Muralla Romana que resultaron gañadores da primeira fase do concurso de programación para centros de FP "ProgramaMe", e que representarán a Galiza na final que se celebrará de xeito presencial nas instalacións da Universidade Complutense de Madrid.
Os concelleiros parabenizaron ao grupo de estudantes, formado por Juan David Artunduaga, Brais Darriba e Xoán Sangiao, que visitaron o centro xunto co profesor de programación Alberto Barreira e a xefa do departamento de Informática, Esther López. Trátase do grupo que conseguiu o primeiro posto entre os 96 grupos de estudantes de todo o estado, entre os que se atopaban 3 grupos deste centro lucense.
A concelleira de Educación e o Tenente de Alcalde destacaron que Lugo conta xa "cun grupo dos mellores programadores do Estado", e trasladaron o seu apoio de cara á fase final estatal.
ProgramaMe é un concurso organizado a nivel estatal para estudantes matriculados en ciclos formativos de formación profesional na rama de programación. Os centros participan en equipos formados por tres alumnos. Durante a competición, os participantes dispoñen de 4 horas para resolver entre 8 e 12 problemas, sendo 10 os máis habituais. Deben programar as súas solucións en C, C++ ou Java.
O gañador é o equipo que resolve correctamente máis problemas. En caso de empate, gaña o equipo que menos tempo acumulado necesitou para realizar as súas correctas entregas. Para calcular o tempo acumulado de cada equipo, súmase o tempo transcorrido desde o inicio da competición ata o momento de cada presentación aceptada.
Audio
- A edil de Educación e Difusión do Coñecemento, Iria Buide, sobre a recepción ós estudantes do IES Muralla Romana | Descargar mp3



