Rubén Arroxo: "Continuamos atendendo as demandas veciñais nos barrios, o calmado do tráfico é unha prioridade"

O Tenente Alcalde anunciou a apertura do proceso de licitación de 6 novos pasos de peóns elevados

O proxecto sae a licitación cun orzamento de 96.724,51€, e actuarase na rolda de Fingoi, avenida de Magoi, Illas Canarias, Túnel de Oural, Miguel de Cervantes e Flor de Malva

Venres, 02 de maio de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Rubén Arroxo: "Continuamos atendendo as demandas veciñais nos barrios, o calmado do tráfico é unha prioridade"

O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou a apertura do proceso de licitación de 6 novos pasos elevados en distintos puntos da cidade. As novas actuacións realizaranse na rolda de Fingoi, avenida de Magoi, Illas Canarias, Túnel de Oural, Miguel de Cervantes e Flor de Malva, "continuando coa atención aos barrios e zonas periurbanas da cidade, para aumentar a seguridade peonil".

A Tenencia de Alcaldía continúa deste xeito a mellorar a seguridade peonil, xa que se reduce notablemente a velocidade dos vehículos, e garántese unha plataforma física a distinto nivel ca o resto da calzada. En todos os casos, dispoñeranse sinais para avisar ao tráfico dun paso peonil elevado.
 
Rubén Arroxo destacou "a importancia das actuacións de calmado de tráfico, que viñemos executando nas zonas escolares, e que agora expandimos a novas zonas da cidade". O Tenente de Alcalde e concelleiro de Mobilidade e Infraestruturas sinalou que "buscamos un tráfico calmado, aumentando a seguridade da veciñanza de toda a cidade".
 
O Goberno de Lugo licita esta actuación cun orzamento base de 96.724,51€, para instalar novos pasos de peóns elevados nas seguintes zonas:
 
Rolda de Fingoi (Centro de Convivencia):
 
Disporase un paso de peóns elevado en cada unha das calzadas, duns 7m de largura na ubicación do paso de peóns existente. 
 
Avenida de Magoi, 92.
 
Disporase un paso de peóns elevado en cada unha das calzadas, duns 6m de largura na calzada próxima ao portal 92, e duns 9m de largura no lado do Gadis. 
 
Avenida Miguel de Cervantes, 47-64:
 
Disporase un paso de peóns elevado en todo o ancho da calzada, duns 10,6m de largura, aproximadamente á altura da praza de estacionamento para persoas con mobilidade reducida, entre os números 60 e 64, que se corresponde co número 47 no lado dos impares. 
 
Rúa Illas Canarias, 208:
 
Disporase un paso de peóns elevado en todo o ancho da calzada, duns 6,3m de largura, aproximadamente á altura do número 208.
 
Rúa Túnel de Oural:
 
Disporase un paso de peóns elevado entre os bordos, cun ancho de entre 10,6m na zona máis próxima á rúa Ferreiriño, e de 10,1m na zona máis próxima á rúa Avutarda. 
 
Rúa Flor de Malva, 86
 
Disporase un paso de peóns elevado en todo o ancho da calzada, duns 10m de largura, aproximadamente á altura do número 86.
 
Os traballos consistirán na construcción dos pasos elevados e na instalación de novos sumidoiros conectados coa rede de augas pluviais. Ademais, actualizarase a sinalización vertical e horizontal. Os traballos realizaranse tratando de reducir todo o posible as molestias causadas á veciñanza, polo que se tentará reducir os cortes de tráfico ao mínimo imprescindible para garantir a seguridade e o bo desenvolvemento das obras.
 
Audio
 
  • Rubén Arroxo, sobre as demandas veciñais nos barrios | Descargar mp3

Noticias relacionadas