Resumo das actuacións da Policía Local de Lugo durante a fin de semana

Luns, 09 de marzo de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Resumo das actuacións da Policía Local de Lugo durante a fin de semana

Delito de furto

Efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo procederon, sobre as 13:10 horas do día 7 de marzo, á identificación dun home de 42 anos e veciño de Lugo, como presunto autor dun delito de furto nun establecemento da rúa Conde Pallares. Foi trasladado a dependencias policiais onde se instrúen dilixencias para o Xulgado de Garda.

Axuda humanitaria

Sobre as 19:00 horas do día 6 de marzo, unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo acudiu en servizo de urxencia a unha vivenda da rúa do Freixo, xa que se tiña coñecemento de que un home, con voz moi débil, solicitaba auxilio.

Os axentes localizan a unha das residentes da vivenda quen procede a abrir a porta de entrada, localizando a unha muller que se atopaba en situación de crise nervioso depresiva, sendo trasladada por unha ambulancia do 061 ao HULA para a súa atención médica.

Sobre as 16:10 horas do día 6 de marzo, unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio auxilia a un home que se achaba tirado no paso elevado do ferrocarril, entre a rúa Montero Ríos e a avenida Adolfo Suárez. Os axentes proporciónanlle o auxilio necesario, requirindo unha ambulancia do 061, sendo trasladado ao HULA, onde se informa que padece ataques epilépticos e outras doenzas que o fan desvanecerse.

Sobre as 3:40 horas do día 8 de marzo, unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Unidade Territorial de Policía de Barrio, observa que na rúa Doutor Ochoa hai unha persoa tirada na beirarrúa. Os axentes comproban que se trata dun home que ten unha erosión na cabeza, presumiblemente pola caída, xa que presenta unha forte intoxicación etílica. Os policías practícanlle os primeiros auxilios e requiren a presenza dunha ambulancia do 061, sendo trasladado ao HULA, acompañado no interior da ambulancia, por seguridade, por dous axentes.

Intervención de permiso de conducir

De acordo ao procedemento de perda de vixencia, incoado pola Xefatura Provincial de Tráfico de Lugo, unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio procedeu á intervención do permiso de conducir dunha condutora residente nesta cidade, por perda das aptitudes psicofísicas que se esixen para o outorgamento da autorización administrativa para conducir e non acreditar no prazo regulamentario o mantemento das condicións necesarias para a condución.

Intervención da Unidade de Atestados en accidentes de circulación ocorridos no centro urbano

Día 6

  • 7:50 horas. Accidente de circulación en Alfonso X con Campos Novos. Dous vehículos implicados. Danos materiais
  • 10:00 horas. Accidente de circulación en Praza de Fonte dos Ranchos. Dous vehículos implicados. Danos materiais
  • 20:30 horas. Accidente de circulación en rúa Otero Pedrayo. Un microbús causa danos a un vehículo estacionado. Danos materiais
  • 23:36 horas. Atropelo en Avenida da Coruña. Leve. Non require asistencia sanitaria

Día 7

  • 17:45 horas. Accidente de circulación en rúa Aller Ulloa (Polígono Industrial de As Gándaras). Dous vehículos implicados. Danos materiais

Día 8

  • 10:00 horas. Saída de vía dun vehículo chocando contra un valado dunha leira da rúa do Teto coa rúa Tras Colexio. Danos materiais
  • 10:30 horas. Accidente de circulación na rúa Montirón. Dous vehículos implicados. Danos materiais
  • 16:45 horas. Accidente de circulación en Rolda República Arxentina. Un vehículo que circula polo sentido de circulación dirección centro cidade, sáese da vía pola súa esquerda, caendo no sentido de circulación contrario, cun desnivel aproximado de catro metros, quedando o vehículo envorcado de tonel. A súa condutora resulta ferida (en principio leve), non presenta ningún síntoma de atoparse baixo influencia de bebidas alcohólicas ou substancias estupefacientes, sendo trasladada ao HULA en ambulancia. Hai danos municipais en dúas árbores
  • 17:00 horas. Accidente de circulación na intersección das rúas Yañez Rebolo e Tino Grandío. Prodúcense catro feridos leves que son trasladados a un centro médico
  • 20:00 horas. Accidente de circulación na calzada de As Gándaras. Dous vehículos implicados. Danos materiais

Filtros de seguridade viaria

Durante esta fin de semana establecéronse varios controis de velocidade naquelas vías nas que se denuncia, por parte da veciñanza, competicións de velocidade, utilizando para iso un vehículo policial dotado de cinemómetro, controlando 1.039 vehículos e denunciando a 37 condutores por exceder a velocidade máxima permitida para a vía (50 km/ h). Así mesmo detectouse un vehículo sobre o que pesaba un mandamento de procura, captura e depósito por embargo. Foi trasladado polo guindastre ao depósito municipal onde quedou PRECINTADO.

Seguridade Cidadá

A madrugada do sábado 7 ao domingo 8 de marzo, unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Unidade de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo, en funcións de seguridade na contorna do Parque Rosalía de Castro, procedeu a denunciar a un mozo de 18 anos por infracción á Lei Orgánica de Protección da Seguridade Cidadá, por falta de respecto e consideración a un axente de policía local no exercicio das súas funcións.

Control de establecementos públicos

Na zona norte da cidade procedeuse á inspección de establecementos públicos, levantando acta de infracción á normativa autonómica de espectáculos públicos e actividades recreativas, por exceder, no exercicio da actividade, o límite horario establecido.

O local denunciado conta con licenza de café bar e, segundo a Orde da Xunta de Galicia pola que se determinan os horarios de apertura e peche de establecementos públicos, tiña como hora límite de peche ás 3:00 horas, sendo detectado polos axentes en plena actividade ás 5:25 horas. Segundo a normativa autonómica, o incumprir os horarios de peche dos establecementos considérase como infracción GRAVE, podendo impoñerse pola Autoridade competente multa de 301 a 30.000 euros, suspensión ou prohibición da actividade por un período máximo dun ano e/ou clausura do establecemento aberto ao público por un período máximo dun ano.

Así mesmo levantouse acta por infracción á Lei de Medidas Sanitarias fronte ao Tabaquismo e reguladora da venda, a subministración, o consumo e a publicidade dos produtos do tabaco, contra o titular dun establecemento público por permitir fumar no interior do local.

Por outra banda, a Policía Local de Lugo participa na campaña especial da DXT sobre Cinto de Seguridade e Sistemas de Retención Infantil (SRI), que se levará a cabo do 9 ao 15 de marzo de 2020. Durante este período, efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio, intensificarán a vixilancia no cumprimento destas normas de seguridade, establecendo controis itinerantes e/ou estáticos e a utilización de vehículos policiais rotulados e/ou camuflados.

A Policía Local de Lugo lembra que en vía urbana o condutor e pasaxeiros dos vehículos están obrigados a utilizar os cintos de seguridade ou outros sistemas de retención homologados, correctamente abrochados. A infracción a esta norma leva aparellada, para o condutor, multa de 200 euros e a retirada de 3 puntos do permiso de condución. A non utilización do cinto de seguridade polos ocupantes dun vehículo, leva consigo multa de 200 euros.

Noticias relacionadas