Recepción no Concello a Abel Antón, dúas veces campión do mundo de maratón

A Alcaldesa presidiu a recepción deste deportista, que confirmou a súa participación no I Medio Maratón Cidade de Lugo este domingo

Venres, 12 de maio de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Recepción no Concello a Abel Antón, dúas veces campión do mundo de maratón

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presidiu a recepción, este venres, de Abel Antón, dúas veces campión do mundo de maratón. No acto, ao que tamén asistiu o Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, e outros membros da Corporación Municipal, a rexedora enxalzou a excepcional traxectoria "dun dos mellores atletas españois de todos os tempos", dos máis destacados a nivel mundial en 5.000 metros, campión de Europa de 10.000 metros e bicampión do mundo, acadando ademais dous primeiro postos nas prestixiosas probas de maratón en Berlín e Londres, nos anos 1996 e 1998. Ademais, foi Premio Príncipe de Asturias dos Deportes, no ano 1997, e Zapatilla de Ouro no 1999, sendo o único atleta español que conta con esta alta distinción ata o día de hoxe, concedida pola Asociación Internacional de Maratóns e Carreiras en Ruta.

Lara Méndez deulle a benvida a Lugo a este deportista, que visita por primeira vez a cidade para participar no I Medio Maratón Cidade de Lugo, que terá lugar este domingo, organizado polo Concello e Grupo el Progreso. Pola súa banda, Antón agradeceu a cálida acollida no Concello e puxo de manifesto o éxito desta primeira competición, que completa o circuíto de carreiras populares da cidade, o Corre con Nós e a Lugo Monumental. Méndez e Antón coincidiron en poñer en valor os valores e principios do deporte.

Na actualidade, Abel Antón continúa ligado ao deporte. Ademais de entrenar a atletas de elite no Centro de Alto Rendemento e Tecnificación Deportiva CAEP Soria, realiza traballos de asesoramento técnico deportivo a nivel empresarial á vez que colabora en diversos proxectos solidarios relacionados co deporte.

Multimedia

  • Recepción no Concello a Abel Antón, dúas veces campión do mundo de maratón

Noticias relacionadas