Publicadas no BOP as bases reguladoras das axudas para a 9ª fase de rehabilitación de vivendas no centro histórico de Lugo

Luns, 07 de xullo de 2008
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Por Decreto nº 91/2008, do día 30 de xuño, do Libro de Resolucións de Contratación-Fomento, ditado pola tenente de Alcalde Delegada da Área de Economía e Emprego, aprobáronse as BASES REGULADORAS DAS AXUDAS EN ORDE Á REHABILITACIÓN DE VIVENDAS NO CASCO HISTÓRICO DE LUGO, 9ª FASE, ASÍ COMO OS SEUS ANEXOS e que a continuación se transcriben de xeito literal:

"EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:
O Excmo. Concello de Lugo asinou o 7 de novembro de 2007 co Ministerio de Vivienda e coa Consellería de Vivenda e Solo o "Acordo da Comisión Bilateral celebrada o 8 de novembro de 2007, relativa á Area de Rehabilitación do Casco Histórico de Lugo, Programa 2007, na Comunidade Autónoma Galega. Plan de Vivenda 2005-2008", co fin, entre outros, de acometer actuacións na rehabilitación dos edificios e vivendas do ámbito considerado, executándose obras de recuperación de elementos comúns dos edificios, así como outras de adecuación de habitabilidade das vivendas, avaliándose o custo total destas actuacións en 299.897,50 euros. Para o seu desenvolvemento faise necesario arbitrar o oportuno procedemento a través das presentes bases, co fin de acadar unha intervención en prol da rexeneración e rehabilitación do recinto histórico, tendo como obxectivo todo o amplo concepto que transmite a palabra rexeneración, como a recuperación do contorno físico que permita ós actuais usuarios e veciños ver o seu contorno tradicional "recuperado", sen que o excesivo custo desta recuperación supoña a expulsión dos veciños destes espazos. Para elo tómase fundamentalmente o plan especial de protección e reforma interior do recinto histórico de Lugo PEPRI como punto de partida e marco para a conservación das características físicas e tipolóxicas dos edificios. Na súa consecuencia, proponse un documento áxil e sinxelo, que teña como fondo a actuación coordinada entre as distintas administracións públicas que interveñen no programa, sentando as bases para a súa intervención no proceso rehabilitador.

A metodoloxía de traballo busca unha distribución social das axudas, poñendo especial atención nos elementos estruturais das edificacións e intentando limitar, dalgunha maneira, a consolidación de situacións non queridas, como familias residindo en superficies propias de rochos, con falta total de ventilación, con pezas que non reúnen os mínimos esixibles. Por todo iso, e no ánimo de continuar no desenvolvemento e execución dos convenios subscritos entre a Xunta de Galicia e o Concello de Lugo, e máis concretamente do Acordo da Comisión bilateral, anteriormente referido, asinado o 7 de novembro de 2007, para o financiamento das obras de rehabilitación dos edificios, vivendas e urbanización, e demais aspectos específicos do Área de Rehabilitación do Casco Histórico de Lugo 9ª Fase, no marco do R.D 801/2005, de 1 de xullo, do Ministerio de Vivienda polo que se "aproba o Plan Estatal 2005-2008 para favorecer o acceso dos cidadáns á vivenda", e o Decreto 18/2006 do 26 de xaneiro, da Comunidade Autónoma de Galicia, sobre medidas de financiamento de actuacións protexidas en materia de vivenda e solo a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia e regulase a xestión das previstas no devandito R.D. 801/2005 para o período 2005-2008.

Por todo o exposto, establécense as presentes bases para a concesión de axudas en orde á rehabilitación de vivendas do casco histórico de Lugo en función da competencia deste Concello en materia de Patrimonio Histórico-Artístico e para a promoción e xestión de vivendas, de conformidade co establecido no artigo 25 da Lei 7/1985 Reguladora das Bases de Réxime Local.

Artigo 1: Obxecto.
É obxecto das presentes bases a concesión de subvencións a propietarios e/ou inquilinos de vivendas e/ou edificios do recinto histórico de Lugo, para rehabilitación destes, en execución do "Acordo da Comisión Bilateral celebrada o 8 de novembro de 2007, relativa á Área de Rehabilitación do Casco Histórico de Lugo, Programa 2007, na Comunidade Autonómica de Galicia. Plan de vivenda 2005-2008", subscrito entre o Ministerio da Vivienda, a Consellería da Vivenda e Solo e o Concello de Lugo co fin, entre outros, de acometer actuacións na rehabilitación dos edificios e vivendas do ámbito considerado. Para o non previsto nas presentes bases será de aplicación a Lei 38/2003, do 17 de novembro, Xeral de
Subvencións e o Real Decreto 887/2006, de 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, de 17 de novembro, Xeral de Subvencións, a ordenanza xeral municipal reguladora da concesión de subvencións publicada no BOP do 18 de maio de 2005, as bases de execución do presuposto municipal e demais normativa legal de aplicación.

Artigo 2: Tipos de actuación e gastos subvencionables.
As vivendas rehabilitadas obxecto dos distintos tipos de actuacións subvencionadas a través das presentes bases destinaranse a residencia habitual e permanente do propietario ou ó aluguer. Considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da  actuación de rehabilitación subvencionada e se realicen con anterioridade á finalización do período de xustificación. Será motivo de denegación da actuación o feito de que as obras de rehabilitación solicitadas estiveran realizadas con anterioridade á resolución provisional da concesión da actuación na área de rehabilitación do centro histórico os efectos de subvención. As devanditas actuacións de rehabilitación estarán incluídas nos seguintes tipos:
A- A Rehabilitación de edificios:
As actuacións de rehabilitación axustaranse estritamente ó Plan Especial de Protección e Rehabilitación vixente, e non financiarán en ningún caso as intervencións que supoñan o baleirado das edificacións obxecto de rehabilitación. Serán subvencionables as actuación nos elementos comúns das edificacións tales como: Adecuación do acceso para as persoas con discapacidade, adecuación ás condicións de protección fronte a incendios, adecuación ás condicións de ornato e salubridade, estanquidade fronte á chuvia, seguranza estrutural, adecuación de evacuación de auga de chuvia e saneamento, e adecuación dos sistemas de aforro enerxético.
B. Rehabilitación de vivendas.
Serán subvencionables as seguintes actuacións: accesibilidade de persoas con discapacidade; existencia e correcto funcionamento de servizos sanitarios e cociñas; existencia e correcto funcionamento de instalacións eléctricas; existencia e correcto funcionamento de instalacións de saneamento e fontanaría; existencia e correcto funcionamento de sistema de calefacción; existencia e correcto funcionamento de extracción de fumes e ventilación; illamento térmico; illamento acústico, adecuación distribución de espazos interiores; iluminados e ventilados, e sistemas de aforro enerxético.
Asemade serán actuacións subvencionables a través das presentes bases, as contempladas na orde da Consellería de Vivenda e Solo do 13 de decembro de 2006, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 245, venres 22 de decembro de 2006, "pola que se regula a cédula de rehabilitación de calidade", que non sexan incompatibles có contemplado no Decreto 157/2006 do 7 de setembro, de rehabilitación e renovación de calidade de vivendas no medio rural e conxuntos históricos de Galicia.

Artigo 3: Ámbito das actuacións.
Criterios de concesión das subvencións. As actuacións de rehabilitación estenderanse, exclusivamente, á área de rehabilitación do recinto histórico de Lugo, declarada o 13 de marzo de 1998, coincidente no seu contorno co ámbito do PEPRI. Para a concesión das axudas económicas obxecto das presentes bases, terán preferencia en primeiro lugar os edificios catalogados sobre os non-catalogados, segundo a seguinte orde: Primeiro os situados na zona do "Burgo Medieval", seguidos dos situados na zona do "Ensanche Decimonónico", e seguidos dos situados na zona do "Ensanche Recente", tralos catalogados irán os non  catalogados, na seguinte orde: primeiro os situados na zona do "Burgo Medieval", seguidos dos situados na zona do "Ensanche Decimonónico", e seguidos dos situados na zona do "Ensanche Recente". En todo caso os edificios en situación de fóra de ordenación irán en último lugar de preferencia. A orde de presentación das solicitudes de subvencións acompañadas da correspondente documentación no Rexistro da Empresa Municipal de Vivenda e Solo (EVISLUSA), sito na rúa Quiroga Ballesteros, s/n baixo, valorarase como criterio para a concesión das axudas, ata esgotar ó crédito orzamentario destinado para elas.

Artigo 4: Tipos de axudas económicas.
As axudas económicas previstas terán o carácter de subvención a fondo perdido, poderán dirixirse a calquera das actuacións sinaladas no artigo 2° das presentes bases e financiarán parcialmente as actuacións de rehabilitación nas proporcións e cantidades que se reflictan no capítulo segundo das presentes bases. As subvencións concederanse no marco do acordo asinado entre o Concello de Lugo, a Consellería da Vivenda e Solo e o Ministerio de Vivienda o día 7 de novembro de 2007, que estima unha inversión de 299.897,50 euros, correspondente ás achegas dos referidos  Ministerio, Consellería e dos promotores particulares, para a realización das actuacións cualificadas. As devanditas actuacións serán informadas polos Técnicos da Empresa Municipal de Vivenda e Solo de Lugo S.A. (EVISLUSA). En canto ás achegas dos particulares, o Concello de Lugo comprométese a xestionar as axudas mediante convenios con entidades financeiras coa finalidade de facilitar que as devanditas achegas se financien con xuros subvencionados.

Artigo 5: Contía das axudas económicas.
As subvencións serán as seguintes:
- Unha subvención por un importe máximo do 80 por 100 do orzamento protexido das obras de rehabilitación de edificios e vivendas, cunha contía máxima por vivenda subvencionada de 11.000 euros.

Artigo 6: Beneficiarios.
Poderán ser beneficiarios destas subvencións para a rehabilitación da vivenda, sen prexuízo de reunir os
requisitos establecidos neste e no seguinte artigo, os seus usuarios legais, como propietarios e arrendatarios, tanto se a vivenda constitúe o seu domicilio habitual e permanente, como se a vivenda vai ser dedicada ó aluguer. Así mesmo poderán ser beneficiarios das subvencións para a rehabilitación de elementos comúns dos edificios os propietarios e/ou arrendatarios das vivendas, na parte proporcional que lles corresponda. Así mesmo, poderán solicitar as axudas os titulares de vivendas desocupadas cando unha vez rematada a actuación de rehabilitación se destine a vivenda, e se comprometan a ocupalas, a arrendalas ou calquera outro xeito legalmente admisible, como residencia habitual ou permanente. Os beneficiarios das subvencións haberán de cumprir as seguintes condicións:
1.- Non estar incurso en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13.2° da Lei 38/2003, do 17 de
novembro, Xeral de Subvencións.
2.- Estar ó corrente das súas obrigas fiscais co Concello de Lugo, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Administración do Estado.
3.- Ter debidamente xustificados os gastos correspondentes a subvencións concedidas con anterioridade polo Concello de Lugo, ou xustificación razoada do motivo do incumprimento da obriga de xustificar.

Artigo 7: Condicións xerais que deben cumprir os promotores.
Os promotores deberán de cumprir algunha das condicións seguintes:
1. Dedicar a vivenda ou edificio obxecto da actuación á súa residencia habitual e permanente, durante un
prazo mínimo de cinco anos desde a finalización das obras.
2. Dedicar a vivenda ou edificio obxecto da actuación ao aluguer, durante un prazo mínimo de cinco anos
desde a finalización das obras.

Artigo 8: Requisitos xerais.
Para os efectos de obter as axudas previstas nas presentes normas de procedemento, será necesario
cumprir os seguintes requisitos:
1.- As obras proxectadas deberán obter a preceptiva licenza municipal de obras, e a edificación ou vivenda ter uso residencial unha vez rematadas as actuacións.
2.- As obras que se dirixan cara á actuación sobre os elementos comúns do edificio deberán garantir as debidas condicións de coherencia técnica e construtiva có estado de conservación do edificio e das instalacións.
3.- Non poderán subvencionarse actuacións sobre os elementos privativos das vivendas, as obras das
cales non consigan obter as debidas condicións de adecuación de habitabilidade destas, salvo caso debidamente xustificado.
4.- As obras que precisen de certificado final de obra, unha vez rematadas, deberán de acadar a preceptiva licenza de primeira utilización.

Artigo 9: Publicidade.
En base ó disposto no anteriormente dito acordo bilateral asinado o día 8 de novembro de 2007, relativo
ás actuacións na Area de Rehabilitación do Casco Histórico de Lugo, Programa 2007, todas as obras subvencionadas deberán de incluír de forma visible a imaxe corporativa do Plan de Vivenda e do Ministerio de Vivienda, da Consellería de Vivenda e Solo e do Concello de Lugo, para o que será necesario a colocación de carteis exteriores, de acordo có Manual de Identidade Corporativa, que deberán de ser sufragados polos beneficiarios das axudas.

Artigo 10: Crédito orzamentario e contía das axudas.
O presuposto municipal establece a contía máxima para a concesión das subvencións que se regulan polas presentes bases, en 186.564,22 euros con cargo á partida 4320.789.09 do vixente presuposto xeral, código de proxecto 07XX050, sendo 83.956,10.- euros a achega da Xunta de Galicia, e 102.608,12.- euros a achega do Ministerio da Vivienda. Estas axudas económicas previstas están suxeitas á normativa procedemental correspondente e vixente durante o proceso de rehabilitación ou as que poidan establecerse durante a vixencia dos distintos convenios ou addendas a eles que se aproben.

Artigo 11: Compatibilidade das axudas.
Estas axudas son compatibles con calquera outra desta ou doutra administración, facendo especial mención que segundo o indicado no artigo 9 de "compatibilidade de axudas" do Decreto 157/2006 de 7 de setembro da Consellería da Vivenda e Solo, as axudas para as actuacións reguladas nestas bases son compatibles coas dos programas autonómicos de rehabilitación de inmobles situados en conxuntos históricos. En caso de existir varias axudas, o importe total destas non excederá do 80% do presuposto protexible. Para efectos de acceder ás axudas financeiras establecidas nestas bases, será necesarios, que os solicitantes non obtivesen previamente axudas financeiras para rehabilitación ó abeiro de plans estatais de vivenda, durante os dez anos anteriores á solicitude actual. Entenderase o cómputo do prazo dende a data na que se presentou a solicitude de axudas.

Artigo 12: Perda da axuda económica.
Son causas de perda da axuda económica establecida as seguintes:
1.- A non adaptación das obras á normativa do Plan Especial de Protección e Reforma Interior do recinto histórico de Lugo.
2.- A incorrecta execución das obras aprobadas.
3.- A non execución das obras previstas.
4.- A execución de obras non aprobadas previamente polo Concello de Lugo.
5.- O incumprimento dos prazos establecidos para a execución das obras.
6.- Non destinar a planta para a que se solicitan axudas ó uso principal da vivenda.
7.- A non colocación de forma visible do cartel exterior segundo o Manual de Identidade Corporativa que se establece no artigo 9, durante a execución da obra.

Artigo 13: Solicitudes e documentación.
1.- As solicitudes para calquera das axudas presentaranse en instancia normalizada (ANEXO 1), xunto coa seguinte documentación en orixinal e/ou copia compulsada, por duplicado exemplar:
1.1) DNI/NIF do/a solicitante e/ou propietarios/as, se é o caso.
1.2) Memoria adaptada á seguinte estrutura:
a) Descrición do tipo de actuación que se vai levar a cabo.
b) Superficie útil da vivenda.
c) Presuposto de execución detallado por unidades de obra con medición e prezo asinado polo contratista e polo promotor.
d) Prazo máximo de execución das obras.
e) No caso de actuacións en elementos comúns do inmoble, cuotas de participación de cada unha das
vivendas sobre estes.
1.3) Se é o caso, proxecto de execución das obras asinado polo técnico competente.
1.4) Documento acreditativo da titularidade das vivendas por parte do/da(s) solicitante(s) ou contrato de
arrendamento e autorización do/a propietario/a do inmoble para realizar as obras, no caso de que o solicite o/a arrendatario/a.
1.5) Licenza municipal de obras.
1.6) Declaración xurada de que dedicará a vivenda a residencia habitual e permanente ou alugamento durante un prazo mínimo de 5 anos desde a finalización das obras (ANEXO III).
1.7) No caso de remodelación de edificios, declaración xurada de que o destino destes será para vivenda. (ANEXO III).
1.8) Declaración xurada das subvencións ou axudas solicitadas ou percibidas por parte doutras entidades públicas ou privadas, nacionais ou estranxeiras para o financiamento da mesma actuación ou proxecto para o que se solicita subvención (ANEXO II).
1.9) Declaración responsable de atoparse ó corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias, incluíndo as municipais e autonómicas, e fronte á Seguridade Social. En todo caso, antes da proposta de resolución deberá achegar as correspondentes certificacións expedidas pola Delegación da Axencia Tributaria, de Facenda da Xunta de Galicia, da Tesoureria municipal e da Tesourería Territorial da Seguridade Social (ANEXO II).
1.10) Declaración responsable de non atoparse inhabilitado/ a ou estar incurso/a en prohibición para acceder á condición de beneficiario de subvencións do Concello de Lugo, de conformidade co establecido no artigo 13 da Lei 38/2003, Xeral de Subvencións. (ANEXO II).
1.11) No caso de existir mais dun propietario/a, autorización deles a un dos propietarios para a xestión, tramitación e cobro da subvención.
1.12) Outros documentos que, se é o caso, resulten necesarios como complemento da documentación anterior.

Artigo 14. Lugar e prazo de presentación das solicitudes.
1) As solicitudes dos interesados, xunto coa documentación requirida, presentarase no Rexistro da
Empresa Municipal de Vivenda e Solo de Lugo (EVISLUSA), sito na rúa Quiroga Ballesteros, s/n baixo, sendo de aplicación, en todo caso, o disposto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.
2) Se a devandita documentación xa estivera en poder do Concello, haberá de facelo constar, con indicación da data e dependencia ou órgano ante o que se presentaron, sempre que non transcorreran máis de cinco anos dende a finalización do procedemento ó que correspondan.
3) O prazo máximo para presentar solicitudes será de DOUS (2) meses, contados dende o día seguinte ó da publicación do anuncio de aprobación destas bases e da correspondente convocatoria no Boletín Oficial de Provincia, e poderá ser prorrogado tras a tramitación regulamentariamente establecida para o efecto.

Artigo 15. Procedemento.
O procedemento para a concesión de subvencións previstas nas presentes bases axustaranse ó establecido nos artigos 28, 29 e 30 da ordenanza municipal reguladora de subvencións do Excmo. Concello de Lugo, coas seguintes precisións:
1) A Empresa Municipal de Vivenda e Solo de Lugo S.A. (EVISLUSA), encargada da tramitación dos expedientes, comprobará que estes reúnen todos os requisitos recollidos nas presentes bases. De non ser así,requiriráselle ó interesado que, nun prazo de dez días,  corrixa a falla ou achegue os documentos preceptivos, indicándolle que, se non se fixese así, de acordo co artigo 71.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común, terase por desistido da súa petición, logo da resolución, que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 42 da mesma Lei.
2) Revisados os expedientes e completados, se é o caso, formularase a proposta de resolución provisional, para o cal os técnicos da Empresa Municipal de Vivenda e Solo de Lugo S.A. (EVISLUSA) haberán de emitir o informe correspondente.
3) O órgano instrutor será o técnico/a competente do Concello, que realizará as actuacións que se sinalan no artigo 28 da ordenanza.
4) A comisión de valoración, constituída para o efecto terá a seguinte composición: Presidente.- O Concelleiro de Urbanismo e un/unha técnico/a da Empresa Municipal de Vivenda e Solo de Lugo S.A.
(EVISLUSA).

Artigo 16. Aprobación provisional das axudas.
1) De conformidade co establecido na base 18ª de execución do presuposto municipal, o órgano competente para resolver o procedemento é o Ilmo. Tenente de Alcalde Delegado da Area de Urbanismo, Infraestruturas e Zona Rural.
2) O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento será de seis meses, contados a partir do día seguinte ó do remate para a presentación de solicitudes no Concello. Transcorrido o dito prazo sen que se adopte resolución expresa, poderase entender desestimada. A resolución porá fin á vía administrativa, e contra ela os interesados poderán interpoñer recurso de reposición ante o mesmo órgano ou ben, alternativamente, recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Lugo.
3) Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.
4) EVISLUSA remitiralle á Consellería da Vivenda e Solo os certificados e os expedientes das resolucións favorables que se diten, para que este emita a correspondente cualificación provisional e o que considere oportuno.
5) A publicación da notificación da resolución ós beneficiarios das subvencións efectuarase no taboleiro
de anuncios do Concello de Lugo que substituirá, de ser o caso, o trámite da notificación de acordo cos artigos 59 e 60 da Lei 30/1 992, do 26 de novembro, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.
6) O beneficiario da subvención presentará ante a Empresa Municipal de Vivenda e Solo de Lugo S.A.
(EVISLUSA) o manifesto de aceptación desta e de compromiso de execución das obras conforme o presuposto de execución material que foi obxecto da cualificación provisional, así como o compromiso de sufragar e colocar o cartel exterior, coa imaxe corporativa do plan de vivenda, do Ministerio de Vivienda, da Consellería de Vivenda e Solo e do Concello de Lugo, segundo o modelo establecido, durante a execución das obras. (ANEXO IV).

Artigo 17. Xustificación do gasto e pagamento.
1) Finalizadas as obras, os beneficiarios deberán comunicarlle á Empresa Municipal de Vivenda e Solo de Lugo S.A. (EVISLUSA) o remate destas, mediante a presentación de modelo normalizado (ANEXO V e VI) acompañado da documentación final de obra que consta nel:
- Declaración do conxunto de axudas solicitadas e recibidas.
- Certificación bancaria do número de conta ó seu nome.
- Certificados de estar ó corrente das obrigas fiscais co Concello de Lugo, de non ter débedas coa Seguridade Social e de estar ó corrente nas obrigas tributarias coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e do Estado.
- Facturas polo importe das obras, que deberán de coincidir co detallado por unidade de obra (con medición e prezo) do presuposto protexible.
- Licenza de obras, que deberá de axustarse ás actuacións executadas, así como as que foron obxecto
da cualificación provisional.
- Certificado final de obra asinado por técnico competente, no caso de execución de obras maiores
- Licenza de primeira utilización, nas obras nas que sexa necesaria a presentación do certificado final de
obra.
2) Os técnicos da Empresa Municipal de Vivenda e Solo de Lugo S.A. (EVISLUSA), á vista da documentación, emitirán un informe no que se terá en conta:
- A prelación establecida no artigo 4.
- Que as obras consigan un grao suficiente de habitabilidade.
- Respecto á integración global da actuación coas
características do contorno onde se atopan.
3) O devandito informe, de ser favorable respecto da correcta execución das obras, e tras a comprobación das correspondentes facturas polo importe total delas, segundo o presuposto protexible, dará lugar á certificación de obra executada, asinada polo técnico competente na materia.
No suposto de informe desfavorable, procederase á apertura dun trámite de audiencia a favor do interesado por un prazo non inferior a dez días nin superior a quince, segundo artigo 84 da Lei 30/1992, de 26 de novembro de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común, a fin de que este compareza no expediente e alegue canto no seu dereito proceda. Transcorrido o dito prazo procederase á resolución definitiva que corresponda tralo informe do técnico competente na materia.
4) EVISLUSA trasladaralle á Consellería de Vivenda e Solo a certificación da resolución que aproba a "certificación de obra executada", para os efectos de que esta proceda, de selo o caso, a conceder a cualificación definitiva, así como o ingreso, en conta bancaria municipal, do importe da subvención comprometida, ou a que resulte finalmente segundo o procedemento tramitado.
5) Os documentos presentados haberán de ser validados e selados pola empresa municipal xestora do expediente administrativo cun selo existente para o efecto, no que conste que a factura ou documento se aplica á xustificación da subvención en concreto. Os documentos serán orixinais e, se se presentan fotocopias, deberán de ser compulsadas pola empresa xestora, de conformidade có que se estableza nas bases de execución do presuposto.
6) Non se realizarán pagos a conta nin anticipados.

Artigo 18.- Aprobación definitiva das axudas.
1) Unha vez acadada a correspondente cualificación definitiva e acreditado o cumprimento das condicións indicadas na aprobación provisional, formularase a proposta definitiva de resolución. O expediente remitiráselle á Intervención Xeral do Concello de Lugo para os efectos de que se proceda á súa fiscalización previa á adopción da resolución polo órgano competente.
2) Seguidamente, procederase ó pagamento da axuda concedida, tras a presentación por parte do beneficiario dunha declaración complementaria da relación de subvencións ou axudas obtidas doutras administracións públicas ou privadas, así como por algunha das súas entidades, nacionais ou estranxeiras para o mesmo fin ou, se é o caso, a declaración de que non obtivo outras subvencións para a mesma finalidade, todo isto en cumprimento da base 18ª de execución do Presuposto Xeral do Concello de Lugo.

Artigo 19. Obrigas dos beneficiarios.
Serán obrigas dos beneficiarios das axudas as citadas  no artigo 14 da Lei 3 8/2003, do 17 de novembro, e no artigo 11 da ordenanza municipal reguladora da concesión de subvencións.

Artigo 20. Revogación.
Procederá o reintegro das cantidades percibidas e a esixencia do xuro de demora dende o momento do
pagamento da subvención nos seguintes casos:
- Incumprimento total ou parcial de calquera das condicións esixidas.
- Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas para iso.
- Incumprimento da finalidade para a que a subvención foi concedida.

Disposicións adicionais.
Primeira.- A concesión de axudas reguladas nestas bases terá como límite global o crédito asinado no presuposto para estes fins. En todo caso, as actuacións haberán de resolverse nos exercicios económicos do 2007 ó 2010.
Segunda.- Os beneficiarios quedan obrigados a someterse ás actuacións de comprobación que poida
acordar a Empresa Municipal de Vivenda e Solo de Lugo S.A. (EVISLUSA), o Concello de Lugo e a
Consellería de Vivenda e Solo.

Disposición derrogatoria.- Quedan derrogadas expresamente as bases aprobadas en anteriores exercizos.

Disposición transitoria.- Os expedientes iniciados en anteriores convocatorias, ó abeiro das correspondentes bases aprobadas polo Concello de Lugo, seguirán rexéndose por elas ata a súa finalización.

Disposición derradeira.- Estas bases entrarán en vigor o día seguinte ó da súa publicación, no Boletín
Oficial da Provincia, trala tramitación regulamentariamente establecida.

Lugo, 1 de xullo de 2008.- A CONCELLEIRA DELEGADA DA AREA DE ECONOMIA E EMPREGO, Sonia Méndez García.

Noticias relacionadas