Preto de 50 emprendedores participan no segundo almorzo de negocios Localmente Lucense que acolleu este xoves o CEI Nodus

A actividade, celebrada baixo o título ‘Presentar é vender’ serviu para intercambiar experiencias, problemas e solucións, e ampliar a rede de contactos dos asistentes.

Xoves, 21 de abril de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Preto de 50 emprendedores participan no segundo almorzo de negocios Localmente Lucense que acolleu este xoves o CEI Nodus

Preto de 50 empendedores e empresarios da cidade participaron no segundo almorzo de negocios Localmente Lucense que acolleu este xoves o CEI Nodus, organizado polo executivo de Lara Méndez, a través da área de Desenvolvemento Local e Emprego, para fomentar as sinerxias entre o tecido emprendedor e empresarial lucense.

“O evento, celebrado baixo o título ‘Presentar é vender’ serviu para intercambiar experiencias, problemas e solucións, ademais de compartir recomendacións ou oportunidades de negocio, permitindo ampliar a rede de contactos profesionais de cada un dos participantes” explicou a rexedora. Así mesmo, durante a sesión ofrecéronse pautas sobre como presentarse a título particular e profesional, evitar o spam e como redactar e preparar un pitch ou prsentación breve da empresa.

Méndez lembrou que "esta actividade está pensada para unir ao tecido empresarial,  xa que son as empresas as que crean emprego e xeran actividade económica na nosa cidade, de tal xeito que, impulsar e apoiar este tipo de iniciativas e os diferentes proxectos empresariais, repercutirá en xerar emprego e riqueza para os nosos veciños e veciñas".

Os almorzos de negocios forman parte do Plan de fomento do emprendemento e consolidación empresarial, posto en marcha por Lara Méndez, dentro da campaña Localmente Lucense. Dentro desta programación tamén se organizarán charlas con empresarios locais e expertos nacionais; formación específica; asesoramento ‘in situ’ sobre escaparatismo ou iluminación; xornadas de portas abertas nos viveiros de empresas do Concello; e outras actividades de dinamización.

O outro piar da campaña é o Plan de dinamización de barrios, que se está a desenvolver por cinco zonas da cidade, incluíndo todos os barrios lucenses, e que contempla a realización de actividades de ocio e lecer como tardeos, noiteos, con espectáculos musicais, concertos e actividades de entretemento; campañas estacionais e en datas sinaladas como San Valentín, Nadal, Samaín, rebaixas de inverno e de verán; ou a organización de mercadiños nas rúas.

Localmente Lucense, que se impulsa desde a área de Desenvolvemento Local e Emprego, coa concelleira Ana González Abelleira ao fronte, enmárcase na Estratexia global de dinamización, reconstrución e reactivación da economía de Lugo, deseñada pola rexedora para paliar as consecuencias da crise provocada pola Covid-19, e conta cun orzamento de preto dun millón de euros.

Noticias relacionadas