Preto de 2.000 lucenses cursarán os seus estudos no centro de referencia da UNED no noroeste peninsular

A Alcaldesa de Lugo e o Presidente da Deputación inauguraron este luns a nova sede da UNED, situada no antigo Hotel Miño, que contaron cun orzamento de 215.000 euros

Lara Méndez destacou que “hoxe é un día deses que marca a historia dunha cidade e dunha sociedade, no que damos un gran paso cara a excelencia educativa coa estrea desta instalación, na que a partir deste curso funcionará o centro asociado da UNED”

Darío Campos engadiu que “o Goberno investiu neste proxecto 2 millóns de euros para que Lugo contase co centro da UNED de referencia no noroeste de España, ao tempo que, con este investimento, defendemos unha educación pública de calidade e poñemos en valor o patrimonio público, impulsando o cinto verde de Lugo”

Luns, 20 de novembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Preto de 2.000 lucenses cursarán os seus estudos no centro de referencia da UNED no noroeste peninsular

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o Presidente da Deputación, Darío Campos, inauguraron este luns a nova sede da UNED que financiou o Goberno da Deputación con 2 millóns de euros, para converter este ezpazo público lucense, no antigo Hotel Miño, no centro de referencia da Universidade a Distancia no noroeste de España. Fixérono acompañados do Reitor da UNED, Alejandro Tiana, nun acto no que tamén se inaugurou o novo curso académico 2017-2018, para o que xa están matriculados preto de 2.000 lucenses que se beneficiarán destas novas instalacións. Ademais, a Alcaldesa e o Presidente entregaron os diplomas a 30 dos 111 novos graduados pola UNED de Lugo.

Lara Méndez destacou que “hoxe é un día deses que marca a historia dunha cidade e dunha sociedade, no que damos un gran paso cara a excelencia educativa coa estrea destas instalacións, nas que a partir deste curso funcionará o centro asociado da UNED de Lugo, unhas instalacións que nos converten no centro referencial desta Universidade no noroeste de España”.

Pola súa banda, Darío Campos engadiu que “hoxe é un día que de seguro marcará a historia educativa da nosa provincia; un día de celebración para todos os lucenses, no que poñemos en marcha, oficialmente, na capital da nosa provincia: a nova sede da UNED. O Goberno da Deputación investiu neste proxecto 2 millóns de euros para que Lugo contase co centro da UNED de referencia no noroeste de España, pois son unhas instalacións pioneiras e de primeiro nivel en Galicia, Asturias, León, Zamora e Salamanca, que acollerán aos preto de 2.000 alumnos na UNED, ao tempo que defendemos unha educación pública de calidade e poñemos en valor o patrimonio público, como é o Hotel Miño, dándolle ademais unha utilidade pública, e impulsando o cinto verde da capital luguesa”.

O Presidente da Deputación engadiu que “co remate destas obras acadamos un edificio cun amplo número de aulas para titorías presenciais; un salón de actos con notable capacidade para levar a cabo eventos de imporante alcance como congresos ou simposios, dispoñible para entidades públicas e privadas; así como unha biblioteca e un aparcamento propios e accesibles a todos os lucenses”.

A Alcaldesa e o Presidente supervisaron as derradeiras actuacións levadas a cabo no antigo Hotel Miño co remate dos traballos de dotación de aparcadoiro e zonas axardinadas, unhas obras que contaron cun orzamento de 215.000 euros. Estas actuacións consistiron na demolición do bloque 2 do edificio, a construción dun aparcadoiro duns 1.900 metros cadrados con máis de 70 prazas; e a dotación de zonas verdes, con céspede e mobiliario urbano, como papeleras ou xardineiras.

Vantaxes

Converter o Hotel Miño na nova sede da Uned en Lugo colevará claras vantaxes:

1.- Económica. Aforraranse os 105.000 euros anuais que, actualmente, se desembolsan no alugar do edificio Forcam, propiedade da Cámara de Comercio, para as clases.

2.- Espacial. Gañarase espazo para acoller ós alumnos en constante aumento: segundo datos oficiais, a Uned luguesa incrementou nun 15% o número de matriculados no 2013 con respecto ó ano pasado, acadando os 2.212. Trátase do maior crecemento en volume de alumnos de Galicia.

3.- Adaptación do centro ó novo marco universitario europeo.

4.- Consolidación da existencia da Uned en Lugo coa permanencia da sede.

Noticias relacionadas