A Praza Maior convértese durante dous días na capital da produción ecolóxica coa quinta edición de Ecolugo

A Alcaldesa saúdou aos produtores e distribuídores que participan nesta cita e felicitounos “polo traballo que están a levar a cabo a prol do desenvolvemento económico e por fomentar a cultura do consumo ecolóxico”
Os expositores, que ofrecen diversidade de produtos procedentes da agricultura ecolóxica da provincia de Lugo, A Coruña e Ourense, permanecerán abertos hoxe e mañá, de 10:00 a 14:30 horas

Venres, 21 de agosto de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Alcaldesa, Lara Méndez, a Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, e o presidente do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA), José Antonio Fernández, visitaron esta mañá os expositores da V Feira Ecolóxica de Lugo, que acolle a Praza Maior hoxe e mañá, de 10:00 a 14:30 horas. Trátase de 9 stands que ofrecen diversidade de produtos procedentes da agricultura ecolóxica da provincia de Lugo, A Coruña e Ourense, dende marmelas a algas, pasando por queixos e froitos secos.
A rexedora destacou que “esta feira é un claro exemplo de que a suma de esforzos por parte da adminsitración, colectivos e empresarios é fundamental para potenciar a comercialización dos nosos produtos de calidade”.

Unha docena de operadores no municipio

Para Lara Méndez, a produción ecolóxica supón unha oportunidade económica para o Concello. De feito, no municipio hai máis dunha docena de operadores que comercializan con produtos ecolóxicos, como verduras, froitas, pan, carne, café ou froitos secos; sendo a provincia de Lugo, xunto coa de Ourense, as que máis superficie dedican á produción ecolóxica en Galicia, que no pasado 2014 rexistrou un aumento dun 20% en volume de ventas certificadas en toda a comunidade, acadando un volume de negocio de máis de 31 millóns de euros.
A Alcaldesa saúdou aos produtores e distribuidores que participan na quinta edición de Ecolugo e felicitounos “polo traballo que están a levar a cabo a prol do desenvolvemento económico, a través dunha produción sostible, e por fomentar a cultura do consumo ecolóxico”.

Multimedia

Noticias relacionadas