A Policía Local interveu este martes nun caso de violencia de xénero

A Unidade Territorial da Policía de Barrio tamén tramitou en outubro 28 actas de vehículos abandonados na vía pública

Mércores, 06 de novembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Efectivos pertencentes á Unidade Territorial da Policía de Barrio procederon, sobre as 14 horas deste martes, 5 de novembro, á detención dun varón como presunto autor dun delito de violencia de xénero. Os feitos ocorreron cando os axentes son comisionados pola Central de Comunicacións do Corpo para que acudan a un domicilio da cidade xa que ao parecer hai unha forte discusión entre unha parella. Ao chegar son recibidos por unha muller moi nerviosa e alterada que manifesta que o que foi a súa parella ameazouna con botala da vivenda e que lle ía a cortar a luz e a auga. Así mesmo lles refire que o agora detido ameazáraa de morte. Ambos son trasladados a dependencias policiais onde se instrúen dilixencias para o Xulgado de Garda.

Por outra banda, durante o pasado outubro a Policía Local continuou co operativo iniciado nos meses anteriores para a localización e denuncia de vehículos abandonados nas rúas da cidade. A devandita campaña, levada a cabo por efectivos da Unidade Territorial da Policía de Barrio da Policía Local de Lugo, deu como resultado que nese período se tramitaran 28 actas de vehículos desleixados nas vías públicas do centro urbano por infracción GRAVE á Lei de Residuos de Galicia, detectando que algúns deles presentan danos que fan imposible o seu desprazamento polos seus propios medios e a maioría carecen de Seguro Obrigatorio de Automóbiles ( SOA) e teñen a Inspección Técnica caduca.

Os vehículos con signos de abandono son 25 turismos e 3 furgonetas. Ditas actas son remitidas ao órgano competente da Administración Local para que se instrúa o oportuno expediente e se ordene a retirada do vehículo, previo requirimento ao seu titular advertíndolle que, de non proceder á mesma no prazo establecido, será traslado a un Centro Autorizado de Tratamento.

Noticias relacionadas