A Policía Local formula 46 denuncias durante a Campaña sobre o uso do Cinto de Seguridade e Sistemas de Retención Infantil

Xoves, 10 de outubro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Logo de participar na Campaña Especial, activada pola DXT, sobre o uso do Cinto de Seguridade e Sistemas de Retención Infantil (SRI), a Policía Local informa de que, entre o 30 de setembro e o 6 de outubro, establecéronse na cidade diversos filtros de seguridade viaria nos que participaron efectivos das Unidades de Policía de Barrio, Atestados e Axentes de Movilidade, utilizando vehículos rotulados e camuflados.

En total, controlouse a 853 turismos, 16 taxis, 53 vehículos de transporte de mercadorías e 5 autobuses, co resultado de 46 denuncias formuladas, que levan aparelladas multas de 200 euros cada unha e, no caso de condutores, a retirada de 3 puntos do seu permiso de condutor.

A Policía Local de Lugo lembra que en vía urbana é obrigatorio utilizar o cinto de seguridade, debidamente abrochado, tanto para condutores como para ocupantes.

En canto aos menores de idade de estatura igual ou inferior a 135 cm deberán utilizar sistemas de retención infantil, debendo situarse nos asentos traseiros e excepcionalmente poderán ocupar o asento dianteiro, sempre que empreguen sistemas de retención infantil homologados, nos casos en que o vehículo non dispoña de asentos traseiros, cando estes estean xa ocupados por menores ou cando non sexa posible instalar nos devanditos asentos todos os sistemas de retención infantil.

Noticias relacionadas