Pistoletazo de saída ao XIV Concurso de Tapas de Lugo

O Mesón Colón, gañador da pasada edición, foi o lugar elixido para dar comezo ao certame gastronómico no que participan un total de 47 locais

Xoves, 06 de setembro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
 Pistoletazo de saída ao XIV Concurso de Tapas de Lugo

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, e o vicepresidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo (Apehl), José Manuel Cela, inauguraron simbolicamente esta mañá no Mesón Colón a décimo cuarta edición do Concurso de Tapas de Lugo, que arrincará de maneira oficial mañá venres.

O Concello de Lugo colabora coa Apehl un ano máis nesta cita, que tamén conta coa colaboración do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra e de Estrella Galicia.

Durante o acto, o cociñeiro do Mesón Colón, Santi Almuiña, explicou a tapa coa que pretende sorprender aos seus comensais este ano, A Vaca Mariña. Inspirado nas súas raíces da costa lucense, concretamente de Cangas de Foz, e nunha historia que lle facía crer seu avó sobre a pena do Orxal, elaborou este petisco que segundo el mesmo di “mestura os sabores da terra e do mar con morros de vaca guisados, atún, crocante e un bruar do mar moi sorprendente, o cal transportará á beira do mar a aqueles que se acheguen a probalo”.

Finalmente, Almuiña recoñeceu que o Concurso de Tapas de Lugo “é un evento para as propostas máis atrevidas e esperamos facer todos un bo papel”.

CLAVES DO CERTAME

As tapas poderanse degustar, como mínimo, de 13:00 a 15:30 h  e de 20:00 a 22:30 h e os prezos das mesmas estarán entre 1 e 3 euros.

Os 47 locais participantes terán a disposición dos clientes os trípticos con toda a información do concurso así como os folletos-pasaporte, que os consumidores deberán selar para poder participar nos sorteos desta edición. Aqueles que conten con selos de, canto menos, 23 establecementos optarán a unha viaxe dunha fin de semana para dúas persoas e os que consigan os selos dos 47 establecementos entrarán no concurso para gañar unha viaxe dunha semana para dúas persoas.

Toda a información do certame está dispoñible na web www.xantardetapas.com e tamén na app Quedamos de Tapas.

Multimedia

  •  Pistoletazo de saída ao XIV Concurso de Tapas de Lugo

Noticias relacionadas