
A Alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, mantivo o que foi o primeiro encontro institucional coa presidenta do Colexio de Odontólogos e Estomatólogos de Lugo, María Núñez Otero, quen o pasado mes de maio renovou por outros catro anos como presidenta ao fronte deste colexio profesional, que conta con máis de 250 colexiados. Alvarellos Fondo aproveitou a reunión para “felicitar a toda a xunta directiva que nos últimos catro anos deu un importante impulso ao órgano colexial, prestando especial atención á formación continua dos odontólogos; a mellorar a comunicación coa sociedade; ou a posta en marcha de programas de concienciación sobre a hixiene e a prevención bucodental, como a constitución da Fundación Clínica Dental Solidaria”. A Alcaldesa de Lugo sinalou que “desde o Concello de Lugo agardamos poder colaborar neste tipo de campañas tan importantes para inculcar bos hábitos de saúde”.



