"A crise sanitaria ensinounos que a enfermaría é fundamental no coidado das persoas. Debemos seguir recoñecendo o seu valor, non só co aplauso, senón con melloras reais", afirmou durante o encontro a alcaldesa.
- Tema

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, recibiu hoxe na Casa do Concello á nova presidenta do Colexio Oficial de Enfermaría de Lugo, Eva Gómez, quen estivo acompañada polo presidente da Academia de Enfermaría de Galicia, Isidoro Rodríguez. Durante o encontro, a rexedora destacou o compromiso do Concello de Lugo en colaborar estreitamente co colectivo para abordar os principais retos que afrontan as enfermeiras, como a estabilización laboral e a mellora das condicións de traballo na provincia.
Alvarellos subliñou a importancia da profesión enfermeira na sociedade, especialmente tras o impacto da pandemia: "A crise sanitaria ensinounos que a enfermaría é fundamental no coidado das persoas. Debemos seguir recoñecendo o seu valor, non só co aplauso, senón con melloras reais". Por outra banda, desexoulle éxito a Eva Gómez nesta nova etapa e reafirmou a disposición do Goberno local para avanzar xuntos na consecución dos seus obxectivos.


