Paula Alvarellos propón distinguir a Xesús Alonso Montero e Rafael de Vega como Fillos Adoptivos da Cidade de Lugo

Rafael de Vega, director do Hospital Municipal e deputado nas Cortes republicanas, destacou pola súa defensa da sanidade universal e polos esforzos na modernización das infraestruturas sanitarias en Lugo.

Xesús Alonso Montero, profesor no IES Lucus Augusti e na Escola de Maxisterio, deixou unha pegada imborrable na formación de xeracións de estudantes e no impulso da lingua galega na cidade.

“Distinguir a Rafael de Vega e Xesús Alonso Montero é recoñecer a importancia da sanidade e da educación públicas na construción dunha sociedade máis xusta e igualitaria”, destacou Alvarellos.

Martes, 11 de febreiro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Paula Alvarellos propón distinguir a Xesús Alonso Montero e Rafael de Vega como Fillos Adoptivos da Cidade de Lugo

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, anunciou este martes que propoñerá no próximo Pleno da Corporación que Xesús Alonso Montero e Rafael de Vega sexan recoñecidos como Fillos Adoptivos da cidade, tal e como adiantou na Xunta de Voceiros celebrada pola mañá. A proposta busca recoñecer o legado de ambos no eido da sanidade e da educación, dous servizos públicos esenciais para a igualdade e o benestar da cidadanía.

“Trátase de dúas figuras inspiradoras, exemplares e irrepetibles para Lugo pola súa achega en dous campos como o educativo e o sanitario. Vocacións que ademais exerceron cunha clara proxección social. Algo que ademais pon o foco sobre a importancia de loitar non só por manter, senón por incrementar, estes dous servizos públicos, na miña opinión, fundamentais para construír calquera sociedade de benestar”, subliñou Alvarellos.

“Con esta distinción, Lugo recoñece a Xesús Alonso Montero polo seu papel clave na formación de xeracións de estudantes e na defensa da lingua galega, e a Rafael de Vega por ser un pioneiro na modernización da sanidade lucense e un firme defensor do dereito universal á saúde. O seu compromiso con estes valores foi unha inspiración para xeracións posteriores, e este recoñecemento é tamén unha reivindicación do legado de quen traballou por unha sociedade máis equitativa”, engadiu.

Xesús Alonso Montero exerceu como profesor no IES Lucus Augusti e na Escola de Maxisterio entre 1960 e 1975, converténdose nun referente intelectual e académico en Lugo. Durante a súa estancia na cidade, foi un activo defensor da cultura e da lingua galega, ademais de impulsar estudos clave sobre figuras da literatura galega. Posteriormente, ocupou a cátedra de Literatura Galega na Universidade de Santiago de Compostela e foi presidente da Real Academia Galega entre 2013 e 2017, consolidando a súa influencia na defensa da lingua e da identidade galega a nivel nacional e internacional. A proposta de distinción a Alonso Montero, recollida por Alcaldía, chega dun grupo de ex alumnos, compañeiros, camaradas e veciños de Lugo.

Pola súa banda, Rafael de Vega foi director do Hospital Municipal de Lugo, onde traballou para mellorar as condicións da asistencia sanitaria e loitou pola creación dun novo hospital. Ademais do seu labor como médico, foi deputado nas Cortes republicanas, comprometéndose coa mellora dos servizos públicos e coa defensa da igualdade no acceso á sanidade. A súa traxectoria vírase truncada en 1936, cando foi asasinado polos sublevados franquistas nun acto de represión política. A súa memoria segue presente na cidade, sendo un símbolo da loita pola xustiza social e os dereitos humanos. A iniciativa para o nomeamento de Rafael De Vega é unha proposta que xurde da propia alcaldesa.

Ambos unirán os seus nomes á listaxe de Fillos Adoptivos, Preclaros e Predilectos da Cidade de Lugo, que conta con 27 personalidades distinguidas ao longo da historia, sendo o último en recibir este recoñecemento Blas Lourés en 2008.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, sobre os Fillos Adoptivos da Cidade de Lugo | Descargar mp3

Noticias relacionadas