Paula Alvarellos preside a XXXIII Asamblea Xeral do Eixo Atlántico

A asamblea acordou a adhesión de Betanzos e Vilalba, pasando a estar constituída a  entidade por 38 ciudades y dúas deputacións, e un orzamento de 5M para esta anualidade.

“A integración destes municipios demostra que seguimos medrando e reforzando a nosa capacidade de traballo conxunto para afrontar os retos do futuro”, declarou Alvarellos.

Martes, 18 de febreiro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Paula Alvarellos preside a XXXIII Asamblea Xeral do Eixo Atlántico

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, presidiu este martes a Asemblea Xeral do Eixo Atlántico, celebrada en Viana do Castelo e na que se abordaron cuestións clave para o futuro da cooperación transfronteiriza entre Galicia e o Norte de Portugal, consolidando o papel do Eixo Atlántico como entidade de referencia na Eurorrexión.

Un dos puntos máis relevantes da orde do día foi a ratificación da adhesión dos Concellos de Betanzos e Vilalba ao Eixo Atlántico. Como vicepresidenta da Mesa, Alvarellos explicou o proceso de consulta levado a cabo e someteu a votación a incorporación destas dúas novas vilas, que finalmente foi aprobada por unanimidade. Neste sentido, deu a palabra ás alcaldesas de Betanzos, María Barral, e de Vilalba, Marta Rouco, quen destacaron a importancia deste paso para o desenvolvemento conxunto da Eurorrexión.

Durante a reunión, tamén se aprobaron o Informe de Xestión e Económico de 2024, así como o Programa e Orzamento para 2025, documentos presentados polo presidente do Eixo Atlántico, Luís Nobre, e polo secretario xeral, Xoán Mao. Ademais, avaliouse a continuidade das Comisións Políticas e do Foro Termal, que seguirán a traballar en iniciativas conxuntas para fortalecer o turismo, a cultura e a sustentabilidade na eurorrexión.

Outro dos puntos destacados da sesión foi a presentación do informe titulado “As cidades ante os novos retos: Apuntamentos para unha reflexión”, elaborado polos catedráticos Fernando González Laxe (Universidade da Coruña) e Arlindo Cunha (Universidade Católica do Porto). Neste documento analizáronse os principais desafíos urbanos que afrontan as cidades da Eurorrexión e os posibles enfoques estratéxicos para o seu desenvolvemento sostible.

Durante a asamblea, Paula Alvarellos reafirmou o compromiso da cidade coa cooperación transfronteiriza e co fortalecemento dos lazos entre os territorios que conforman o Eixo Atlántico. “A integración de Betanzos e Vilalba demostra que seguimos medrando e reforzando a nosa capacidade de traballo conxunto para afrontar os retos do futuro”, declarou Alvarellos.

Con esta sesión, o Eixo Atlántico, que conta agora con 38 cidades e dúas deputacións membros e un orzamento de 5.090.000 euros para 2025, continúa a súa aposta por unha maior integración e desenvolvemento da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

Multimedia

  • Paula Alvarellos preside a XXXIII Asamblea Xeral do Eixo Atlántico
  • Paula Alvarellos preside a XXXIII Asamblea Xeral do Eixo Atlántico
  • Paula Alvarellos preside a XXXIII Asamblea Xeral do Eixo Atlántico

Noticias relacionadas