A alcaldesa di que “esta feira, coa que colaboramos, é un evento consolidado, como o proban os 1.500 cans que haberá este ano e os 3.000 criadores, moitos de fóra de Lugo”.

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, xunto ao concelleiro de Xuventude e Deportes, Jorge Bustos, participou na presentación da Expocanina, a feira que acolle esta fin de semana o Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, onde se desenvolverán as edicións 111 e 112 da Exposición Nacional Canina e a 50 mostra internacional. A rexedora municipal valorou moi positivamente “un evento co que o Concello de Lugo colabora desde hai anos e que xa está totalmente consolidado, como o demostran os 1.500 animais que competirán esta fin de semana e os máis de 3.000 criadores e propietarios, moitos deles chegados de fóra da cidade. Non se trata só dun referente para o sector canino de todo o noroeste peninsular, senón que para Lugo supón toda unha inxección económica para o turismo e o comercio”.
Neste sentido, Paula Alvarellos destacou a organización destes certames por parte do Pazo de Feiras e Congresos e da Sociedade Canina Galega, e animou ás e aos lucenses a achegarse ao Pazo. “Lugo é a capital de Galicia cun maior número de cans por habitante, polo que estamos convencidos de que, un ano máis, esta exposición canina será un éxito de participación, pero tamén de público”. Ademais, a alcaldesa sinalou que “asistir aos certames de beleza e morfoloxía, ou ás distintas probas de Agility, é un reclamo para as e os amantes dos cans de calquera idade. Lugo reunirá aos mellores exemplares de ata 150 razas e iso é algo que non se ve todos os días”.


