Paula Alvarellos aborda a modificación de 9 Ordenanzas municipais para adaptalas ao actual marco normativo e gañar en concreción

Algúns dos impostos revisados incorporan bonificacións que, no caso da rodaxe por exemplo, chegan a unha rebaixa do 75% para os vehículos que empreguen combustilbes non contaminantes, na estratexia de acadar unha cidade máis sostible

Mércores, 23 de outubro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

“Son pequenos cambios semánticos na redacción dos preceptos das distintas Ordenanzas Fiscais, xustificados na necesidade de evitar interpretacións forzadas ou erróneas das mesmas que se foron constatando durante a súa aplicación, sen que esas modificacións supoñan ningunha alteración cualitativa xa que manterán inalterado o seu espírito e contido”.

Deste xeito é como a concelleira de Gobernanza, Paula Alvarellos, resumiu o proxecto de revisión de nove gravames municipais que hoxe se trasladaba á Xunta de Goberno local para o seu visto bo.

En 2020 xa non será preciso pagar a Plusvalía se na trasacción se certifica que non houbo ganancias

“A novidade nalgunhas delas, pasa pola súa adecuación ao marco legal vixente como pode ser a relativa ao Imposto de Incremento de Valor dos Terreos de Natureza Urbana, na que se incorpora un parágrafo como consecuencia da sentenza ditada pola Sala do Contencioso Administrativo do TSXG a fin de non someter á plusvalía aquelas transaccións nas que non exista un incremento de valor da propiedade”, indica a edil. “É dicir, a partir de agora xa non será necesario abonar estas cantidades para despois solicitar a súa devolución no caso de non existir beneficios na operación, como se viña facendo ata o de agora”.

Actualízase a normativa do Servizo nas Escolas Infantís para simplicar os procedementos de tramitación

“No que ten que ver coa prestación de Servizos nas Escolas Infantís municipais, realízase unha actualización normativa e outros pequenos cambios sobre como acreditar o importe dos ingresos familiares, como solicitar descontos por estar matriculados varios fillos ou como xustificar as ausencias do alumnado e os períodos vacacionais”.

O Concello anuncia a inclusión das cerimonias de benvida cidadá e acollemento civil entre os actos que contempla a Ordenanza por Expedición de Documentos Administrativos

Paula Alvarellos apunta tamén un pequeno troco na Ordenanza por Expedición de Documentos Administrativos “que, se ben non varía o seu importe, sí inclúe dentro dos actos que contempla, a realización de vodas de prata e ouro, e de cerimonias de acollemento civil ou benvida cidadá. Novos servizos que se axustan ás novas demandas sociais e ás que hai que darlle tamén unha correlación fiscal”.

Harmonízase a redacción na Ordenanza de Aproveitamento Especial da Vía Pública e os espectáculos circenses e exposicións de animais pasan a incluírse nun epígrafe xeral sobre eventos

Por outra banda, nesta revisión, a primeira do mandato, procedeuse a expresar con maior claridade os distintos supostos de ocupación da vía pública, dentro da taxa que aborda o seu aproveitamento, “un texto no que foi necesario, asemade, derrogar un pequeno apartado relativo ao Solo, Subsolo e Voo para dar cumprimento a unha sentenza do Xulgado Contencioso Administrativo número de 2 de Lugo en relación ao uso de redes compartidas”, abondou a responsable da área económica.

Rodaxe e IBI incorporan novas bonificacións

Paula Alvarellos advertiu doutras novidades, como é a introdución dunha bonificación do 75% no imposto da Rodaxe para os vehículos menos contaminantes, dentro da estratexia de acadar unha cidade máis sostible e doutra do 95% no IBI para as actividades económicas agrarias ou gandeiras pertencentes ao sector primario.

A Ordenanza Fiscal Xeral incorpora novas formas de pagamento telemático dos tributos

“Do mesmo xeito buscouse unha mellor coordinación entre dúas Ordenanzas vencelladas de por sí como son as Taxas pola Prestación de Servizos Urbanísticos e o Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras, co obxectivo de harmonizalas, establecendo námbalas dúas unha rebaixa do 50% para actuacións de rehabilitación integral de viviendas no ámbito do PEPRI e do 40% no dos ARI e esixindo, no caso das edificacións no rural, a súa inscrición no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia”, subliñou a edil quen igualmente anunciou algunhas transformacións na Ordenanza Fiscal Xeral na que agora se contemplará o establecemento dun tope mínimo para a derivación de débedas atendendo a criterios de eficiencia así como a posibilidade de pagamento dos tributos mediante diferentes modalidades nas que se inclúen os sistemas electrónicos co fin de evitar que os contribuíntes teñan que realizar estas operacións obrigatoriamente de forma presencial nas entidades bancarias.

Logo de ser hoxe visado pola Xunta de Goberno, o proxecto de modificación deberá elevarse ao Pleno para a súa aprobación inicial e, a continuación, someterse a exposición pública durante 30 días para que os interesados poidan presentar as alegacións que estimen oportunas.

Audio

  • Paula Alvarellos sobre a modificación de 9 Ordenanzas municipais | Descargar mp3
 

Noticias relacionadas