Os orzamentos de Lugo para o 2021 ascenden a 106,4 millóns de euros, crecen un 6,5% e destinan 31,4 millóns a políticas sociais

Lara Méndez defíneos como as “contas da recuperación, solidarias e expansivas, para que podamos seguir medrando e resistindo ante a crise actual derivada da pandemia”.

A rexedora sostivo que Lugo, “con estas contas e os investimentos desenvolvidos no último ano mobilizamos 49 millóns de euros, un esforzo inversor sen precedentes”.

Rubén Arroxo sostén que as administracións “deben ser as primeiras en realizar grandes inversións nun momento de crise económica”.

As políticas sociais dotaranse de 31,2 millóns, o 29,3% do orzamento, “que será o máis alto da historia da cidade destinado a atender a todos os colectivos”, segundo Méndez.

14 euros de cada cen serán investimento, que ascende a 15 millóns de euros e crece un 40% respecto o ano pasado.

Aumentarán as partidas de mellora dos servizos municipais para atender a limpeza e recollida de lixo da cidade, as melloras das zonas verdes e as novas liñas de autobús.

A alcaldesa avanzou investimentos para mellorar os barrios, para cambiar o fibrocemento, a continuación do paseo interior da rolda da Muralla, máis zonas verdes e a eliminación de tapóns urbanísticos.

O tenente da alcaldesa anunciou partidas orzamentaria para continuar a transformación da Ronda da Muralla, no treito entre a rúa Santiago e a rúa Vilalba, e a continuación do plan de renovación de alumeado público.

Xoves, 03 de decembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Os orzamentos de Lugo para o 2021 ascenden a 106,4 millóns de euros, crecen un 6,5% e destinan 31,4 millóns a políticas sociais

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presentou hoxe, acompañada do tenente da alcaldesa e edil de Infraestruturas, Rubén Arroxo, os orzamentos para o 2021, contas que dixo, “son expansivas e solidarias, pensadas para a recuperación de Lugo, porque estimamos que o vindeiro ano, como vimos reiterando durante estes meses, debemos saír reforzados desta situación de crise social e económica derivada da emerxencia sanitaria”.

As contas ascenden a 106,4 millóns de euros (106.478.713 euros), polo que crecen un 6,5% respecto ao exercicio do 2020. “E se a comparativa a realizamos co anterior presuposto aprobado, que foi no 2018 xa que o 2019 foi prorrogado, o aumento elévase ao 11,75%”, comentou a rexedora.

Lara Méndez definiu os orzamentos como unha das dúas grandes ferramentas, xunto a Estratexia Lugo Transforma, o fondo de emprendimiento de 12 millóns de euros para atraer investimentos e emprego, “que reforzarán a transformación do municipio seguindo o noso modelo de cidade de vangarda, verde e sostible, e que nos axudarán a deixar atrás unha situación imposible sequera de imaxinar hai só uns meses”.

Neste senso, destacou que, por primeira vez desde que o Concello acadou débeda cero no 2017, no mandato anterior, as contas municipais recorrerán a endebedarse en 7 millóns de euros. O obxectivo, comentou a alcaldesa, é reforzar as políticas sociais, “o eixo central deste Goberno nos últimos 20 anos”, e aumentar o esforzo inversor.

Neste senso, Rubén Arroxo, apuntou que as administracións “deben ser as primeiras en realizar grandes inversións nun momento de crise económica, ao contrario do realizado por outras administracións noutros momentos de crise económica, que deixaron unhas claras consecuencias”.

Lara Méndez incidiu en que “coas políticas incluídas nestas contas, unidas aos investimentos desenvolvidos no último ano e sen aumentar as políticas impositivas, estamos a falar dunha mobilización de recursos superior aos 49 millóns de euros, é dicir, un esforzo inversor sen precedentes na historia de Lugo destinado a impulsar a súa segunda gran transformación, a súa dinamización, a innovación e o emprendimiento, de vital importancia para un crecemento económico sólido e continuado nos vindeiros anos”.

Avanzou, ademais, que a estes “49 millóns de euros se incorporarán no 2021 os remanentes necesarios para que Lugo supere esta crise como un municipio máis aberto, máis dinámico, máis diverso, máis sostible, máis competitivo e máis moderno, liderando o crecemento económico e a protección social”.

Pola súa banda, o tenente de alcaldesa aseverou que “estes orzamentos van permitir xerar emprego en Lugo e estabilizar o emprego xa existente, ademais de continuar coa mellora da cidade iniciada cos orzamentos do 2020  e os suplementos de crédito aprobados neste ano”.

Histórica dotación para políticas sociais

No 2021 destinaranse a estas políticas 31,2 millóns de euros, o 29,3% do orzamento, “que será o máis alto da historia da cidade destinado a fins sociais co firme obxectivo deafianzar o noso compromiso ineludible por conseguir mellores niveis de calidade de vida nos ámbitos urbanos e rural, por integrar os sectores máis desfavorecidos, por fomentar a oferta educativa, deportiva e cultural e por impulsar a dimensión patrimonial e turística, definindo unha implicación decida no sector comercial e do emprendimiento como impulsor de cambios”, sostivo a rexedora.

Deste orzamentos, máis de 13,8 millóns de euros destínanse ás políticas de benestar, ás máis vinculadas ás políticas de familia e infancia, emerxencia social, atención ás persoas maiores e dependentes, servizo de axuda a domicilio,  atención á exclusión social, asistencia no Fogar do Transeúnte, reinserción e persoas con discapacidades e con adiccións.

Lara Méndez tamén avanzou que se persistirá na aposta a prol da igualdade de xénero, “un dos aspectos transversais en todas as políticas municipais pero tamén a través do mantemento dun servizo exclusivamente dedicado a ese fin, coa súa propia dotación orzamentaria por máis dun millón de euros”.

En canto a área de Desenvolvemento Local, o Concello, de igual xeito que fixo neste 2020, poñerá en marcha accións de dinamización económica dos distintos sectores produtivos. Con este fin irán destinados 5,3 millóns de euros, que representan un 5% do orzamento.

A área de Cultura destinará 1 millón de euros para a programación cultural do 2021. Segundo Rubén Arroxo, “o sector cultural xera moitos postos de traballo e actualmente atópase nunha situación complicada debido á crise sanitaria”, polo que avanzou que seguiremos apostando no ano 2021 pola cultura segura, igual que levamos facendo desde o confinamento”. A dotación orzamentaria para a área de Cultura ten en conta a programación do novo auditorio “unha vez se poida abrir esta infraestrutura, ter programación cultural variada en todas as instalacións culturais da cidade, como o MIHL, o Vello Cárcere e o Auditorio Municipal Gustavo Freire”.

Servizos municipais de maior calidade

No orzamento do 2021 aumenta, ademais, o capítulo de gasto corrente e servizos un 3,75% para atender os compromisos adquiridos coa veciñanza neste proceso de transformación, aumento derivado da actualización dalgúns dos contratos de maior contía do Concello e que suporá adaptalos ás novas necesidades da cidade.  

A rexedora lembrou que “no 2021 entrará en vigor o contrato da recollida de lixo e limpeza, que suporá un incremento de 3,4 millóns de euros respecto ao actual; materializarase o contrato de mellora das zonas verdes, que crecerá aproximadamente en 1,5 millóns, así como o do alumeado público, e comezaranse a implantar as novas liñas de autobús, que tamén repercutirá nun maior custe do servizo de transporte público”.

Modernización da Administración

As contas do vindeiro ano recollen, así mesmo, un aumento do capítulo de gasto de persoal un 1,3% coa dotación axeitada para dar cobertura á relación de postos de traballo de recente aprobación, dando cabida ás novas incorporacións a través das ofertas de emprego e reforzando os servizos esenciais coa creación de postos clave para a incrementar a calidade das prestacións. “Deste xeito, o Goberno reforza a modernización da administración co obxectivo de que sexa máis eficiente e máis próxima a cidadanía, fin que tamén se fortalecerá coas mellora que se seguirán a implementar na e-administración”, segundo comentou a rexedora.

Maiores investimentos

O capítulo de investimentos crece un 40% máis respecto ao pasado, pasando de 10,4 a 15 millóns de euros, o que supón, sostivo Lara Méndez, que “se investirá 14 euros de cada cen porque Lugo non pode nin debe frear o seu crecemento, e para iso é necesario desenvolver grandes e pequenas actuacións, que mellorarán a vida e o entorno da nosa veciñanza e mobilizarán recursos económicos, axudando tamén dese xeito á recuperación”.

As liñas xerais dos investimentos, nos que serán transversais a perspectiva de xénero e de loita contra o cambio climático, buscan ampliar os espazos públicos peonís; novas urbanizacións; mellora do patrimonio; máis zonas verdes e espazos de esparcemento e deportivos, así como parques infantís e canís, e melloras da conectividade, mobilidade e alumeado, tanto nos barrios como no rural.

A alcaldesa avanzou algunhas das principais partidas de investimento:

  • 500.000 euros para aumentar o paseo interior da rolda da Muralla na zona de Clérigos para seguir desenvolvendo accións de mellora na contorna do ben Patrimonio da Humanidade e no casco histórico, onde “incluímos outra partida para a recuperación do Pazo de Dona Urraca e a súa contorna”.
  • 3 millóns de euros para Muramiñae. A rexedora avanzou que no 2021 se materializarán obras importantes de mobilidade e conexión da trama urbana co río e de recuperación da zona de O Carme, como o paso soterrado sobre a NVI e a peonalización da Calzada da Ponte. “Ademais, iniciaremos as catas na zona do Carme, así como o posta en valor da cloaca de Porta Miña, e desenvolveremos novos proxectos vinculados con esta estratexia europea, que os iremos anunciando”.
  • 250.000 euros para eliminación de tapóns urbanísticos, unha das grandes apostas da alcaldesa neste e no anterior mandato.
  • 1 millón de euros para seguire apostando polo cambio do fibrocemento no saneamento para mellorar a calidade de vida nos barrios, dado continuidade ao plan iniciado este ano.
  • 650.000 euros para crear máis espazos de lecer e parques infantís, pensando no esparcemento, e na saúde, de toda a familia.
  • 790.000 euros para que a crear 1,5 hectáreas de hortos urbanos cun novo concepto vinculado coa dinamización social, que será unha das últimas obras da estratexia LIFE Lugo+Biodinamico, coas que estaos a impulsar o urbanismo sostible que nos está a situar na vangarda no deseño das cidades sostibles, segundo alcaldesa.
  • Prevense actuacións de investimento por máis de 3 millóns de euros para a mellora da eficiencia enerxética en nove instalacións municipais, “que permitirán ademais unha redución do consumo enerxético anual que pode chegar ata o 52,03% e das emisións de CO2 á atmósfera”, coas que seguimos apostando por un Lugo máis verde e sostible”.

No tocante á área de Mobilidade, Infraestruturas, Rubén Arroxo, anunciou:

  • 650.000€ para a transformación da Ronda da Muralla entre a rúa Santiago e a rúa Vilalba. “Neste ano habilitouse un paso peonil provisional nunha zona a carón da muralla que case non tiña beirarrúa, e na que os vehículos pasaban pegados ao monumento”, dixo e explicou que “esta partida permitirá transformar todo este entorno, non só aumentar o espazo peonil, senón renovar a zona da Porta de Santiago dando unha mellor estética ao punto da cidade no que se xuntan os tres Patrimonios da Humanidade cos que contamos”.
  • 500.000 € para renovar a rúa Lamas de Pradoa conexión central de todo un barrio que conta con máis de 15.000 habitantes” para realizar unha renovación integral que aumente a accesibilidade e que mellore a súa estética, renovando a imaxe do barrio.
  • 470.000 € para renovación da rúa Luís Seoane. “Apostaremos por un modelo de plataforma única que demostrou ser viábel en rúas estreitas e que está a funcionar noutras cidades”, explicou Rubén Arroxo, o que permitirá gañar espazos peonís sen perder prazas de estacionamento”.
  • 1.043.000 € no plan de renovación de alumeado público en zonas urbanas e periurbanasque se veu realizando en distintas zonas da cidade durante o ano 2020 continuará tamén no 2021. “Estes investimentos son rendibles en pouco tempo xa que reducen amplamente o consumo eléctrico e reducen o impacto ambiental. Continuaremos a substituír luminarias antigas, que en moitos casos utilizan materiais contaminantes, por iluminación LED que ten un baixo consumo e permite mellorar a seguridade, ao reducirse as zonas de sombra que poden causar inseguridade”, sostivo Arroxo, que avanzou que se continuará o plan na zona pendente da Avenida das Américas, nas rúas Monte Faro e Illas Canarias, na contorna de Rei Don García, na Ronda das Mercedes, Montirón e Perpetuo Socorro.
  • 100.000 € para a renovación de mobiliario urbano.
  • 900.000 € para repavimentacións de rúas e amaños de beirarrúas.
  • Aumento do 20% necesario para a posta en marcha das novas liñas de bus urbano.
  • 30.000 € para a creación dun centro expositivo no Cemiterio Municipal e a adquisición dun elevador de féretros, que se executará desde a área de Participación. Arroxo destacou que permitirá mellorar a seguridade do persoal municipal que traballa no Cemiterio, ao mesmo tempo que se seguirá traballando na primeira ampliación realizada no Cemiterio Municipal en moitos anos”.
  • 21.000 € para a climatización da Praza de Abastos e do Mercado Municipal. “Trátase dunha demanda de hai tempo tanto dos distintos vendedores e vendedoras como dos compradores. Será unha mellora moi importante, xunto coa renovación do soto que está en fase de licitación e a peonalización da rúa Quiroga Ballesteros que está en execución”.

REPULSA ANTE O NOVO ASESINATO MACHISTA

A alcaldesa de Lugo e o tenente da alcaldesa amosaron o seu pesar e a súa repulsa ante o novo asesinato machista que acabou coa vida de Soledad Rey, en Gondomar, o terceiro crime por violencia de xénero deste ano en Galicia. Remitiron, ademais, a súas condolencias á familias e amigos desta nova vítima, que morre a mans da súa parella polo mero feito da súa condición de muller.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o orzamento do 2021 | Descargar mp3
  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o orzamento do 2021 (Obras)| Descargar mp3
  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o orzamento do 2021 (Gasto social) | Descargar mp3
  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o orzamento do 2021 (Inversións) | Descargar mp3
  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o orzamento do 2021 (Inversión Ultimo Ano) | Descargar mp3

Noticias relacionadas