Os catro aparcamentos disuasorios do San Froilán teñen capacidade para máis de 5.000 vehículos

Están situados nas principais vías de acceso á cidade: Campos Novos, As Termas e San Fiz

Co fin de mellorar a mobilidade, o Concello reforza as liñas de buses urbanos, prolongando por un lado os horarios e, por outro, habilitando servizos especiais entre os aparcadoiros disuasorios e o centro

Martes, 26 de setembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Os catro aparcamentos disuasorios do San Froilán teñen capacidade para máis de 5.000 vehículos

Os catro aparcamentos disuasorios do San Froilán, contemplados no Plan de Tráfico e Mobilidade deseñado polo Concello con motivo das patronais, teñen capacidade para máis de 5.000 vehículos, segundo as estimacións da Policía Local, e estarán comunicadas co centro da cidade por bus urbano a través de dúas liñas especiais nos días e horas de maior afluencia de público.

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, lembrou que as zonas de aparcadoiro disuasorio están nas inmediacións das principais vías de acceso á cidade: dúas na rúa Campos Novos, unha nas Termas e outra en San Fiz. Estarán debidamente sinalizadas mediante carteis para que os visitantes e a cidadanía en xeral as encontre facilmente, evitando así, na medida do posible, o acceso do vehículo privado ao centro e ao recinto feiral. De feito, o Concello solicita a colaboración cidadá pedindo aos veciños e veciñas que reduzan o uso dos coches e utilicen os catro aparcadoiros disuasorios e o transporte público.

Para iso, o Concello reforzará a liñas de buses urbanos:

- Prolongación dos horarios nas seguintes liñas:

Os días 4, 7 e 11 de outubro (vespera de festivo), as liñas 3A (Acea de Olga-Ramil), 4 (Tolda-Abella), 6 (Montirón-Residencia- A Cheda) e 7A (Gándaras- Cemiterio), prolongarán os seus percorridos habituais ata as 03:00 horas.

Os días 5, 8 e 12 (domingo e festivos), as liñas especiais 3AE (Acea de Olga-Ramil), 4E (Tolda-Abella), 5E (As Gándaras-A Campiña-Cemiterio) e 6E (Montirón-Residencia-A Cheda), prolongarán os seus percorridos habituais ata as 02:00 horas.

- Servizos especiais que comunicarán zonas dos estacionamentos disuasorios co recinto feiral os días 4, 7 e 11, dende as 22:00 ata as 03:00 horas, e os días 5, 8 e 12 dende as 12:00 as 02:00 horas.

Ruta I:

Saída da rúa Celso Emilio Ferreiro (esquina Gran Hotel) cada media hora, as horas e cuarto e menos cuarto, por Xacinto Calvo, San Roque, Montero Ríos, Fontiñas, Fonte da Bica (inmediacións Policía Local), estrada da Granxa, Campos Novos, Afonso X O Sabio, Agro da Torna, avda de Magoi, Pintor Corredoira e novamente Celso Emilio Ferreiro.

Ruta II

Saída de Celso Emilio Ferreiro (esquina Gran Hotel) cada media hora, ás horas e 25 e 55 minutos, por rúa Celso Emilio Ferreiro (esquina Gran Hotel), Xacinto Calvo, San Roque, ronda da Muralla, avda. da Coruña, Parque da Milagrosa, Alto de Garabolos, avda. Paulo Fabio Máximo e avda. Infanta Elena (As Termas), para continuar por Paulo Fabio Máximo, Alto de Garabolos, avda. da Coruña, Parque da Milagrosa, ronda da Muralla, Porta de Santiago, República Argentina, Pintor Corredoira e remate en Celso Emilio Ferreiro.

Por outra banda, con motivo das festas patronais, o servizo de auto-taxi reforzará o  número de taxis dispoñibles, concretamente nas paradas das prazas de Santo Domingo e da Constitución. Para dar un mellor servizo ás persoas usuarias do taxi, permitirase o acceso destes vehículos á zona acoutada do recinto feiral e á súa área de influencia, sempre que as condicións do tránsito peonil así o permitan.

Audio

  • Carmen Basadre, sobre os catro aparcamentos disuasorios do San Froilán | Descargar mp3

Noticias relacionadas