Os animais transfórmanse en obras de arte na nova exposición do MIHL, Animalium

Miguel Fernández, acompañado de Daniel Piñeiro, inaugurou esta mostra multidisciplinar de 21 artistas, que xira ao redor dun tema monográfico tan significativo como é a imaxe animal nas artes galegas

A mostra pon en conexión a propia exposición na ubicación do MIHL, co seu pasado de paisaxe agrario e logo industrial, agora convertido nunha paisaxe cultural

Animalium poderase visitar ata o 31 de agosto, de martes a sábado, de 11:00 a 13:00 e de 17:00 a 20:00 horas, e domingos, de 17:00 a 20:00 horas. O día 8, ás 18:00 horas, haberá unha visita guiada por dita exposición

Mércores, 31 de maio de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Os animais transfórmanse en obras de arte na nova exposición do MIHL, Animalium

A Voceiro municipal, Miguel Fernández, inaugurou este mércores a exposición colectiva multidisciplinar Animalium. A imaxe dos animais na arte contemporánea galega, a nova mostra do Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL), que xira ao redor dun tema monográfico tan significativo como é a imaxe animal nas artes galegas. Ao acto de inauguración tamén asistiu o edil de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, os 21 artistas da mostra e a súa comisaria, Cristina Carballedo.

Nesta exposición, que engloba dende escultura, pintura ou fotografía, a figura do animal é a protagonista, dende as distintas perspectivas dos autores: vivencias persoais, crítica social, descontextualización, estética, a través do foco dunha cámara, de forma naturalista, dende a tenrura, o primitivismo, o humor e a abstración.

No acto de presentación, Fernández lembrou as obras de arte sobre animais creadas dende a antigüidade ao longo do tempo, como as pinturas rupestres ou imaxes exipcias. Ademais fixo fincapé no significado artístico de Animalium, "pois na súa variedade de enfoques e estilos será capaz de potenciar en nós ese respecto e ese amor polos seres vivos que se moven e senten, que sofren e gozan, que están con nós e que dependen de nós, e que nós temos a obriga, como especie máis intelixente e poderosa que somos, de protexer e de tratar con todo o agarimo posible".

Así mesmo, destacou que con esta obra se pon en conexión a propia exposición na ubicación do MIHL, co seu pasado de paisaxe agrario, paisaxe industrial (FRIGSA), agora convertido nunha paisaxe cultural, "polo que significa como valor identitario da sociedade, como memoria viva do pasado e como un elemento patrimonial importante para a historia da cidade".

Na exposición participan 21 artistas galegos, cunha alta implicación de lugueses: Jorgue Agra, Oscar Aldonza, Álvaro de la Vega, Iago Eirós, Jorge Espiral, Pedro García Losada, Nicolás González Aller, Alberto Gulias, Lomarti, Xavier Magalhaes, Paulo Neves, Noa Persán, Paco Pestana, José Reigosa, Julio Sanjurjo, Seara, Camilo Seira, Peter Schneider, Enrique Tenreiro, Edu Valiña e Xán Vila.

Horario da exposición

Animalium poderase visitar ata o 31 de agosto, de martes a sábado, de 11:00 a 13:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas, e os domingos, de 17:00 a 20:00 horas. A entrada é de balde

Por esta exposición haberá unha visita guiada a cargo da comisaria, o xoves 8 de xuño, ás 18:00 horas.

+ Info

Noticias relacionadas