Miguel Fernández, acompañado de Ana González Abelleira, coñeceu a sala de exposicións, que a artista abriu recentemente na avenida da Coruña, e coa que busca ofrecer un lugar para que as e os creadores dean a coñecer a súa obra.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, acompañado da concelleira Ana González Abelleira, visitou o espazo cultural “Arte e Parte”, impulsado pola artista Luz Darriba, quen recentemente abriu este local, na avenida da Coruña, como un novo lugar para a cultura e para aqueles e aquelas creadoras que queiran amosar a súa obra. Ademais da zona de exposición, o alcalde e a edil coñeceron o taller desta artista multidisciplinar, coñecida pola súa faceta de pintora e de macrointervencións culturais e reivindicativas, como o “Cumulum”, “Patchwork, Retales contra a violencia de xénero” ou “Luva negra, luva branca”, entre moitas outras, pero que tamén cultiva con éxito a escritura e a ilustración.
O rexedor municipal puido coñecer as iniciativas que porá en marcha a artista como os obradoiros de narrativa e colaxe, ou o de poesía, que terá lugar proximamente. Ademais, o alcalde e Luz Darriba intercambiaron impresións sobre posibles proxectos para levar a cabo nun futuro na cidade de Lugo.



